A Plataforma veciñal NON ao parque eólico do Castrove continúa coas súas accións para evitar que se levante un proxecto destas características. Este mércores presentaron ante a delegación da Xunta en Pontevedra máis de cincocentas alegacións que subscribiron afectados dos concellos de Poio, Meis, Pontevedra e Barro.
Mercedes Carramal, integrante do colectivo argumentaba que este proxecto "crearía unha gran desfeita". No caso da Escusa, engadía "case todo o pobo quedaría afectado como chan industrial, o que impediría a explotación agrogandeira. Hai patrimonio, flora e fauna protexida; ademais dun proxecto turístico entre os municipios que comparten este emprazamento. Van arrasar co monte para subir os aeroxeradores e tampouco se sabe por onde subirán as liñas de alta tensión".
A plataforma conta con asesoramento legal, como foi o caso para a presentación destas alegacións. Continuarán "co que faga falta para que non se constrúa", tanto accións ante a administración, como informativas entre os núcleos afectados, ou como a prevista para o próximo 29 de agosto cando realizarán unha subida ao Castrove. Queren que sexa unha proposta "lúdico emotiva, para recoller o patrimonio asociado ao monte e esas emocións que temos asociadas a este lugar", avanzou Lúa Gándara. A saída será ás once do mediodía desde a capela de San Simón e incluirá música en directo.
Neste momento, indicaban, está publicado informe de impacto ambiental: "isto vai moi rápido, así que hai que seguir coas accións". Ademais da inicitiva veciñal, contan co respaldo dos catro Concellos na súa negativa ao proxecto eólico.