A localización do mercado ambulante dos sábados segue xerando debate na cidade.
A poucos días de estrear a Alameda como zona para celebrar a feira, comerciantes da Zona Monumental entregaron ao Concello a través do rexistro municipal sinaturas recollidas para pedir que se valore a contorna do Mercado de Abastos como sede permanente desta iniciativa.
"Son case 800 firmas", explicou este venres Ángela Ogando, comerciante do centro histórico, antes de entregar unhas sinaturas que corresponden a "clientes, traballadores, xente da Zona Monumental e mesmo dos propio feirantes".
Na súa proposta sinala que "non só estamos a falar diante do Mercado, na rúa Serra, senón cara á zona do Museo e subindo un pouco ata Mugartegui", espazo que considera suficiente para situar os diferentes postos.
"Do mesmo xeito que coñecemos o rastro de Madrid que pechan rúas e hai moitísimo aforo, eu creo que a Zona Monumental non só é a rúa Serra senón a Praza de Mugartegui e mesmo algunhas rúas paralelas. Sería moi interesante para todos", defende Ogando pedindo que se valore a proposta para dinamizar o centro histórico.