Entregan os Premios Ernestina Otero a escolares: "De vós depende que teñamos unha sociedade igualitaria"

Pontevedra
14 de novembro 2019

O CEIP San Martiño, o IES Luis Seoane e o Centro concertado Calasancio acadaban os premios por proxectos de fomento da igualdade e contra o machismo. Este xoves entregábanse no Teatro Principal coa presenza da subdelegada do Goberno Maica Larriba e a concelleira de Igualdade, Paloma Castro

Entrega dos premios Ernestina Otero 2019
Entrega dos premios Ernestina Otero 2019 / Concello de Pontevedra / PontevedraViva

O Teatro Principal acollía este xoves un acto no que se entregaban os premios Ernestina Otero Sotelo destinados á comunidade educativa de infantil, primaria e secundaria. 

Paloma Castro, concelleira de Igualdade, foi a mestra de cerimonias neste acto no que lembraba aos escolares que é necesario abrir os ollos a estas idades para indicarlles que a violencia machista non se circunscribe a unha labazada senón que pode visibilizarse a través de insultos, faltas de respecto ou control de móbiles.

Os premios desta edición foron no apartado de educación infantil e primaria para o CEIP San Martiño, no que se realiza unha mirada sobre as pioneiras pontevedresas destacando o traballo de mulleres científicas do municipio.

En secundaria, o primeiro premio levábao o IES Luís Seoane, co proxecto 'Restablecendo a Educación' no que se analizan situacións cotiás que normalizan micromachismos. Neste traballo ofrécese unha mirada crítica á prostitución, á pornografía e ao modelo de amor romántico. O segundo premio recaeu no Colexio Calasancio con 'Radio Ponte Lila', no que se tratan cuestións sobre igualdade, violencia de xénero e micromachismos.

"De vós depende que teñamos unha sociedade igualitaria", afirmou Paloma Castro dirixíndose ao alumnado e profesores que asistían a este acto lembrando a necesidade de que se eduque en igualdade a través do máximo respecto á liberdade individual e á da xente coa que se establece relación.

Neste sentido, a concelleira avanzou que se desenvolverá unha unidade didáctica nos centros educativos baseada no libro 'Invisibles' da escritora Montse Fajardo, que asistía a este acto, con motivo da campaña do 25 N. Este libro recolle historias de mulleres maltratadas e transmite verdade, indicou Castro.

Tamén se ofreceu o vídeo da segunda parte da campaña 'Sen o meu si, non', dirixido ao público xuvenil no que se alerta sobre as violacións en cita e a situación das redes sociais. 

A concelleira afirmaba que segue sorprendendo que a violencia de xénero continúe en aumento entre a poboación xuvenil a pesar das campañas que se desenvolven desde a administración e nos centros educativos. 

O acto que finalizou coa actuación da actriz e poeta Baia Fernández, que realizaba un monólogo sobre a igualdade, contou coa presenza da subdelegada do  Goberno, Maica Larriba; do inspector de educación en Pontevedra, José María Alén; ademais de diversos concelleiros da corporación como Yoya Blanco; Carmen Fouces, Demetrio Gómez e Goyo Revenga.