Na mañá deste mércores, diante da oficina de Correos de Sanxenxo, traballadoras e traballadores da Unidade de Reparto concentráronse xunto á CIG para esixir medidas inmediatas ante a "acumulación de envíos e a falta de persoal" que, din, está a colapsar o servizo local.
Segundo os propios representantes sindicais, a quenda de mañá presenta seis prazas sen cubrir por xubilacións, vacantes e baixas por incapacidade temporal, situación que obriga ao resto do persoal a asumir seccións adicionais.
A CIG asegura que, en lugar de reforzar o servizo nun municipio que pasa dos 17.000 residentes a cifras moito maiores no verán, onde en 2024 superáronse os 750.000 visitantes, o cadro de persoal reduciuse nun 40 %, situación que se traduce en sobrecarga física e psíquica para os repartidores.
Os representantes denunciaron tamén o incremento do tráfico e a escaseza de estacionamento como obstáculos adicionais para cumprir as rutas asignadas, con atascos e retencións que complican as distribucións.
Na Unidade de Reparto de Sanxenxo permanecen, segundo a CIG, varios miles de envíos ordinarios sen repartir e un número relevante de envío rexistrados (notificacións e certificados), o que preocupa pola demora no servizo aos veciños.
Mentres non se resolvan estas peticións, o cadro sindical anunciou que manterá as mobilizacións en próximas datas ata obter unha resposta da dirección de Correos.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.