Ernesto Filgueira presume de presentar unha candidatura de "persoas honestas, humildes e responsables"

Cerdedo-Cotobade
06 de maio 2019

O Multiusos de Carballedo acollía a presentación pública do conxunto da candidatura do BNG local á alcaldía de Cerdedo-Cotobade. A concelleira pontevedresa Anabel Gulías e o alcalde das Neves, Xosé Manuel Rodríguez acompañaron a Filgueira no acto 

Presentación da candidatura do BNG para Cerdedo-Cotobade BNG

Ernesto Filgueira presentaba no Multiusos de Carballedo á lista que o acompañará nestas eleccións municipais co obxectivo de que o BNG acade a alcaldía de Cerdedo-Cotobade. Rocío Graña e Anxo Santomé ocuparán o segundo e terceiro posto da lista presentada polos nacionalistas.

O candidato do BNG estivo acompañado pola concelleira da corporación pontevedresa Anabel Gulías e polo alcalde das Neves, Xosé Manuel Rodríguez. Ademais, déronse cita numerosas persoas para coñecer o equipo que o BNG presentará nestes comicios.

Rocío Grña incidiu na necesidade de traballar por uns servizos sanitarios dignos para o municipio. Denunciou a carencia de persoal nos centros de saúde e a falta de pediatras e dunha ambulancia asistencial para o Punto de Atención Continuada de Cerdedo.

Pola súa parte, Ernesto Filgueira sinalou que é necesario fomentar o emprego, asentar á xuventud no Concello e crear actividades para as persoas de idade máis avanzada. Lamentou as desigualdades do goberno do popular Jorge Cubela e prometeu priorizar a equidade das taxas municipais entre Cerdedo e Cotobade. O candidato, durante esta presentación, apostou por rematar o saneamento, axudar os autónomos e pequenos comerciantes, ademais de fomentar a restauración de casas e potenciar o turismo.

Filgueira presentou un a un os integrantes da lista para destacar que se trata de persoas "honestas, humildes e responsables".