O 'escape room' como salvavidas no campus de Pontevedra

Pontevedra
20 de xaneiro 2026

Docentes da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte deseñan unha metodoloxía baseada no xogo, que mellora a formación práctica e a motivación de case un centenar de estudantes

O alumnado participante debía resolver diferentes probas relacionadas cos primeiros auxilios
O alumnado participante debía resolver diferentes probas relacionadas cos primeiros auxilios / DUVI - Universidade de Vigo

Aprender a salvar vidas non ten por que ser unha tarefa exclusivamente teórica. Así o demostrou un equipo de docentes da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do campus de Pontevedra, que transformou a aprendizaxe de primeiros auxilios nunha experiencia de xogo e resolución de problemas.

A través dun proxecto de innovación educativa, o centro explorou o potencial do escape room como ferramenta para que o alumnado do Grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte interiorice protocolos de emerxencia en contornas naturais.

A iniciativa, coordinada polo profesor Iván Prieto a través do grupo Innova-Educación e Deporte, implicou a 96 estudantes e contou coa colaboración de 17 docentes no seu deseño.

O reto consistía en enfrontar os participantes, divididos en equipos, a unha serie de "caixas idénticas" cargadas de enigmas e códigos.

Para avanzar, os alumnos debían aplicar coñecementos sobre como actuar ante traumatismos, feridas, picaduras ou síncopes, situacións que poderían atopar no exercicio da súa futura profesión no medio natural.

A dinámica da actividade buscaba un equilibrio entre a cooperación e a competición. Tras resolver os retos iniciais vinculados á prevención e identificación de riscos, os equipos accedían a unha proba final común centrada na actuación ante unha parada cardiorrespiratoria.

O primeiro grupo en completar esta fase convertíase no gañador, un compoñente lúdico que, segundo os promotores, "reforzou a motivación e a implicación do estudantado".

Os resultados deste proxecto, que naceu ao abeiro dunha convocatoria de innovación para o ano 2025, foron recollidos nunha publicación especializada.

Os datos confirman que este enfoque favorece unha aprendizaxe "experiencial e contextualizada". A avaliación realizada entre os participantes amosa unha avaliación moi positiva, sen diferenzas de percepción entre os 73 alumnos e as 23 alumnas que formaron parte da experiencia.

O estudantado destacou que esta metodoloxía facilitou a comprensión de conceptos teóricos complexos e incrementou a súa disposición a seguir formándose en seguridade e prevención.

Segundo o equipo responsable, o escape room educativo revelouse como unha vía eficaz para potenciar competencias profesionais clave, tales como a toma de decisións baixo presión e o traballo en equipo.

O obxectivo agora é que esta dinámica evolucione ata consolidarse como un recurso docente permanente dentro da materia de actividades físico-deportivas no medio natural.