Escepticismo no lecer nocturno pontevedrés ante a reapertura prevista pola Xunta para inicios de verán

Pontevedra
21 de abril 2021

Os empresarios desta rama da hostalería móstranse moi molestos co goberno galego pola falta de diálogo, pola ausencia dun plan específico para eles despois de 14 meses pechados e pola carencia de axudas económicas que evite a desaparición de decenas de negocios

Locais de ocio nocturno de Pontevedra
Locais de ocio nocturno de Pontevedra / Diego Torrado

O lecer nocturno pode regresar en Galicia a finais de xuño, sempre que a situación sanitaria o permita. Díxoo o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, este luns, pero o anuncio non sentou nada ben entre o empresariado pontevedrés. "É fume", sentencia o propietario de Sala Karma, Marcos Rivas. "Queda moi bonita a nova pero non hai nada. Ninguén dixo cando nin como", engade o presidente de Hoempo e dono de La Pomada, Dani Lorenzo.

A desilusión, o enfado e a fartura non deixa de crecer nun sector que acumula xa 14 meses pechado e con perdas económicas incalculables. "Aínda non recibimos nin unha soa axuda", engade o líder do colectivo outro argumento para desconfiar dos plans da Xunta, á que acusan de falta de diálogo.

Se a evolución da pandemia da covid-19 continúa cunha tendencia decrecente, a reapertura destes locais podería producirse a finais de xuño. E a finais de maio, estudan a posibilidade de realizar unha experiencia piloto para planificar a desescalada.

"Non nolo cremos, levamos desde novembro sen noticias e convocáronnos hai uns días para une reunión por videoconferencia na que nos falaron dunha proba piloto dentro dun mes, pero nada máis", critica Julio Barral, propietario de tres pubs, Patrimonio, Aranda e Fetiche, na zona vella de Pontevedra.

Máis escéptico móstrase aínda Marcos Rivas. "É fume, ninguén ten información, ninguén sabe nada, non falaron con ninguén, non hai protocolo", sostén o empresario que tampouco comprende as razóns dunha proba piloto. "Cando se poida abrir, que se abra e se deixen de bobadas. Fomos os máis sensatos e defenestráronnos", di en referencia ao peche voluntario promovido polo lecer nocturno pontevedrés en marzo do 2020 antes do decreto do estado de alarma.

A pesar das dúbidas, a vontade de retomar a actividade é indicutible. "Temos ganas e necesidade. Levamos un ano longo pechados e pagando", lembra Iván Parada, propietario do Bazaar. Tamén son conscientes de que o funcionamento terá que estar moi regulado, para o que suxiren a aprobación dun protocolo que sirva para evitar contaxios e, ao mesmo tempo, permitir a viabilidade dos negocios.

O que non acepta o sector é a limitación de horario. "Necesitamos horario nocturno e xente", pide Julio Barral, consciente de que esta clase de locais non poden competir coas terrazas nin a hostalería diurna. E para que as súas peticións poidan facerse realidade suxire a realización de test de antíxenos nos accesos aos pubs e discotecas.

O propietario de La Pomada pide que se volva a habilitar o plan posto en marcha durante os primeiros meses do verán do 2020, "que funcionou".

Asumen todos que haberá aforo limitado, pero "a xente vén a socializar, se llo impiden os nosos locais non serán rendibles", apunta Parada, quen propón un rexistro na entrada para rastrexar calquera tipo de contaxio.

A reapertura destes locais está cada día máis próxima, pero para que a situación non obrigue de novo a pechalos consideran fundamental contar cun plan específico consensuado entre o empresariado, Sanidade e o goberno. "Catorce meses despois seguimos sen un plan específico e aínda non sabemos se contactarán connosco. Só pedimos diálogo, a reapertura ten que ser algo conxunto, senón seguiranse cometendo erros", demanda Lorenzo.

O asunto económico é o que máis bochas levanta no sector. En Pontevedra foron varios os propietarios que recibiron axudas do plan de rescate da hostelería da Xunta, mais demandan un programa propio pensado para el ocio nocturno. Ao que moi poucos accederon foron ás axudas para o pago de alugueres porque os requisitos eran moi difíciles de cumprir. Mentres tanto, seguen abonando relixiosamente todos os seus impostos. "Algúns estamos xa no cemiterio", advirte o dono de Sala Karma.

Advirten ademais que o lecer nocturno non desapareceu, transformouse. "O lecer nocturno agora é de día. A xente pásase horas nas terrazas, só falta que poidan poñer música", explica Marcos Rivas. Mesma tese defende Julio Barral, quen aconsella ás autoridades permitir a apertura destes locais para "ter un lecer nocturno controlado e non festas en domicilios particulares".

No mesmo sentido pronúnciase tamén Jorge Santos, un dos socios propietarios de Discoteca La Luna, ao afirmar que "non realizaremos ningunha apertura ata que podamos asegurar o 100% de seguridade aos nosos clientes e traballadores". Con todo, aplauden que se "empece a ver a luz ao final do túnel", pero móstrase "expectante" ante as condicións que impoña a Xunta, como o control dos aforos, "para ver se pode ser viable ou non".

Sobre a proba piloto avanzada polo vicepresidente tampouco dispoñen de información máis aló das declaracións públicas de Alfonso Rueda. "A ver como van esas probas piloto e se imos ser partícipes delas", remata Jorge Santos.