A Escola Oficial de Idiomas de Pontevedra reforzará a súa colaboración co Concello para achegarse á cidadanía

Pontevedra
22 de agosto 2025
Actualizado: 13 de setembro

O centro, que conta con 2.000 estudantes e tres extensións, busca saír das súas aulas para formar parte da vida social da cidade

Paula Gómez, Miguel Anxo Fernández Lores e María Fenández falan de propostas da EOI
Paula Gómez, Miguel Anxo Fernández Lores e María Fenández falan de propostas da EOI / PontevedraViva

A Escola Oficial de Idiomas (EOI) de Pontevedra e o Concello establecerán unha colaboración máis estreita para visibilizar o ensino de idiomas e integralo na vida social da cidade, segundo anunciaron este venres en rolda de prensa o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e as responsables do centro educativo.

María Fernández, directora da EOI, explicou que esta iniciativa supón "un paso máis para establecer colaboracións entre a EOI e o Concello, con propostas para que a EOI entre na vida social", destacando que "Pontevedra é unha cidade aberta, e os idiomas enriquecen esta conexión".

Paula Gómez, xefa de estudos da EOI, sinalou a vontade do centro de "ser nós as que saiamos á vila para que nos coñezan e non esteamos nós nos muros da Escola", buscando un maior achegamento á cidadanía pontevedresa.

O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores destacou a importancia de que "a xente de Pontevedra poida aprender ou mellorar idiomas", recordando colaboracións previas como a realizada en 2019 durante o Campionato Multisport, cando a EOI ofreceu traducións a diferentes idiomas e cursos para taxistas.

Actualmente, a EOI de Pontevedra conta con 2.000 estudantes, unha cifra que "fluctúa de ano en ano", segundo indicou a directora.

Ademais da instalación principal na Xunqueira, o centro dispón de tres extensións: unha en Lalín, outra na Estrada e outra no IES Valle Inclán de Pontevedra.

A escola imparte seis linguas (alemán, francés, galego, inglés, italiano e portugués) a través de distintas modalidades: presencial, semipresencial e a distancia en liña.

Entre as colaboracións xa establecidas, María Fernández destacou a participación no Salón do Libro Infantil e Xuvenil cun posto na actividade de Troca de Libros.

Agora están a estudar "a opción de colaborar en Noites Abertas, integrando algún obradoiro que poidamos ofertar como escola".

As concellerías de Educación e Cultura manterán relación coa EOI para buscar actividades que desenvolver ao longo do curso.