Escolares do CEIP Campolongo homenaxean a Rosalía de Castro en anticipo do seu día

Pontevedra
21 de febreiro 2025

O alumnado do centro recitou os poemas 'Has de cantar' e 'Adiós ríos, Adiós fontes', nun acto celebrado no vestíbulo do Pazo provincial da Deputación de Pontevedra

Acto polo Día de Rosalía na Deputación
Acto polo Día de Rosalía na Deputación / PontevedraViva

O Día de Rosalía, que se celebra cada 23 de febreiro, chegou adiantado este venres á Deputación de Pontevedra cun acto ao que asistiron escolares do CEIP Campolongo de Pontevedra.

Organizado baixo a lema 'Canta Rosalía!', as persoas asistente homenaxearon á Rosalía cantareira, en consonancia coa poesía popular oral á que están dedicadas as Letras Galegas de 2025.

O vestíbulo do Pazo provincial decorárono cunha maqueta rosada, un photocall vexetal e camelias da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, onde o alumnado leu o poema 'Has de cantar' e recitou a un tempo 'Adiós ríos, Adiós fontes'.

Como broche de ouro, Raquel Queizás realizou un espectáculo con marionetas.

Á homenaxe a Rosalía asistiron o presidente da Deputación, Luís López; o vicepresidente, Rafa Domínguez, e o deputado de Cultura, Jorge Cubela, que anunciaron a convocatoria dun concurso escolar para pór en valor a vida e obra de Rosalía de Castro.

Con el tamén queren promover e impulsar o uso da lingua e a cultura galega entre o alumnado da provincia e achegar a figura da autora ao público máis novo dunha forma lúdica e didáctica.

O concurso está dirixido ao alumnado de primaria e secundaria dos centros escolares e de educación especial da provincia, que porá participar en grupos e cun representante do centro, xa sexa docente ou integrante da Dirección ou Xefatura de Estudos, na categoría correspondente segundo o curso.

A primeira delas é 'Campaniñas' e está dirixida a primeiro, segundo e terceiro de primaria; na categoría 'Airiños' poden participar os nenos e nenas de cuarto, quinto e sexto; mentres que os da ESO e educación especial, estarán nos grupos 'Fontiñas' e 'Paxariños', respectivamente.

Para participar deberán enviar un vídeo en horizonal cunha duración máxima de 4 minutos, onde os nenos e nenas realizarán unha interpretación musical en galego dun poema ou poemas de Rosalía de Castro ou un contido relacionado coa autora. Tamén admiten o uso ou posta en escena dun poema musicado por un artista ou grupo musical.

Os premios constarán duns lotes de produtos didácticos e musicais valorados nun máximo de 4.500 euros e unha actuación ou actividade cultural para cada primeiro premio valorada en 3.500.

O prazo de presentación de creacións estará aberto até o 21 de marzo e as creacións gañadoras anunciaranse e visualizarán nunha gala nun dos espazos da Deputación coa presenza dos premiados.

A maiores do concurso, o organismo provincial ten en marcha unha nova edición do programa 'Rosalía, a súa casiña, o meu lar' de visitas escolares á Casa-Museo de Rosalía en Padrón, en colaboración coa Fundación Rosalía de Castro.