'Canta Rosalía!', a homenaxe da Deputación á Rosalía de Castro cantareira polo seu día

Pontevedra
19 de febreiro 2025
Actualizado: 21 de febreiro

A institución provincial organiza unha lectura de poemas e anunciará a posta en marcha dun concurso escolar para poñer en valor a súa vida e obra entre o público máis novo

Día de Rosalía na Deputación de Pontevedra |ARQUIVO
Día de Rosalía na Deputación de Pontevedra |ARQUIVO / Roberto Alonso

O Día de Rosalía, que se conmemora cada 23 de febreiro, chegará por adiantado á Deputación de Pontevedra. Este venres 21, ás 11:00 horas, organizará no Pazo Provincial un acto baixo o lema 'Canta Rosalía!'.

Con este acto, a Deputación busca render homenaxe á Rosalía cantareira, en consonancia coa poesía popular oral á que están dedicadas as Letras Galegas de 2025.

Como público asistirán preto dun cento de escolares do CEIP Campolongo de Pontevedra, que lerán o poema 'Has de cantar' e recitarán a coro 'Adiós ríos, adiós fontes'.

Ao remate do acto, gozarán da función Buscando a Rosalía, de Raquel Queizás, un espectáculo de narración oral con monicreques.

O vestíbulo do Pazo provincial decorarase cunha moqueta rosada, un photocall vexetal e camelias chegadas desde a Estación Fitopatolóxica do Areeiro.

Tamén haberá marcapáxinas para o público e un lote de libros para o colexio participante na actividade.

Durante o acto, ao que asistirán o presidente, Luis López, e o deputado de Cultura, Jorge Cubela, a Deputación de Pontevedra tamén anunciará a convocatoria dun concurso escolar co obxectivo de poñer en valor a vida e obra de Rosalía de Castro.

O fin deste concurso é promover o uso da lingua galega entre o alumnado da provincia e achegar a figura de Rosalía ao público máis novo dun xeito lúdico e didáctico.

A Deputación tamén ten en marcha unha nova edición do programa 'Rosalía, a súa casiña, o meu lar' de visitas escolares á Casa-Museo de Rosalía en Padrón, en colaboración coa Fundación Rosalía de Castro.