Escolares de Caldas celebran o Día Forestal Mundial coa plantación de 400 árbores

Umia
21 de marzo 2022

A iniciativa partiu da concellería de Medio Ambiente e contou coa colaboración dos comuneiros de San Clemente para dotar ao Monte Calvo de 60 castiñeiros para froito, 150 castiñeiros para madeira, 50 pradairos, 100 cerdeiras e 50 nogueiras do país. 

Escolares de Caldas plantan árbores no Monte Calvo
Escolares de Caldas plantan árbores no Monte Calvo / Concello de Caldas

O Concello de Caldas de Reis conmemorou este luns o Día Forestal Mundial coa plantación de 410 árbores de especies autóctonas no Monte Calvo, na parroquia de San Clemente.

Concretamente, plantáronse 60 castiñeiros para froito, 150 castiñeiros para madeira, 50 pradairos, 100 cerdeiras e 50 nogueiras do país. 

A iniciativa, como en anos anteriores, partiu do Departamento de Medio Ambiente do Concello, e contou coa participación de alumnado do Colexio Afonso VII, do IES Aquis Celenis, do CPR La Encarnación e do Centro Ocupacional de Saiar.

Tamén colaborou a comunidade de montes de San Clemente, que aportou as árbores plantadas, e de persoal de prevención de incendios da Consellería de Medio Rural da Xunta, así como de voluntarios da asociación Asoprovida.

O concelleiro de Medio Ambiente, Manuel González, que participou na plantación, destacou a importancia de "implicar e sensibilizar aos máis novos sobre a necesidade de preservar as áreas forestais e promover as reforestacións con especies autóctonas".