Escolares de Ponte Caldelas recibiron xa medio cento de tarefas a domicilio

Ponte Caldelas
20 de abril 2020

O servizo de impresión de deberes e tarefas escolares, posto en marcha polo Concello de Ponte Caldelas para atender a familias sen recursos informáticos, xa leva repartidos medio centro de encargos por todo o municipio

Entrega de deberes a domicilio en Ponte Caldelas
Entrega de deberes a domicilio en Ponte Caldelas / Concello de Ponte Caldelas

O servizo de impresión de deberes e tarefas escolares, posto en marcha polo Concello de Ponte Caldelas para atender a familias sen recursos informáticos, xa leva repartidos medio cento de encargos por todo o municipio.

As familias que non dispoñen de ordenador ou impresora na casa poden empregar este servizo e só teñen que enviar un correo electrónico a [email protected], incluíndo os arquivos para imprimir, a dirección de entrega e un teléfono de contacto.

Logo das vacacións de Semana Santa houbo un incremento na petición de impresión de tarefas escolares, segundo explicou o alcalde, Andrés Díaz, que sinalou que está "moi orgulloso" das familias da vila "que se están apoiando, dando folgos, compartindo ideas, tarefas e todo tipo de enxeños para facer máis levadía a estadía na casa".

"Nós tamén queremos aportar o noso gran de area para facilitar que todos os nenos poidan seguir o ritmo que se está a marcar a nivel educativo", engadiu Díaz.