Escolares do CEIP de Lourido e o SEK visitan as instalacións de Sogama

Poio
26 de abril 2018

Os mozos e mozas recibiron unha clase de reciclaxe, tendo a oportunidade de descubrir por si mesmos o tratamento que recibe o lixo producido nos seus fogares

Visita de escolares de Poio a Sogama
Visita de escolares de Poio a Sogama /

Preto dun cento de escolares de Poio viaxaron esta semana ata Cerceda para coñecer de primeira man o funcionamento da planta industrial de Sogama.

Os alumnos, pertencentes ao CEIP de Lourido e ao Colexio Internacional SEK Atlántico, recibiron unha clase de reciclaxe, tendo a oportunidade de descubrir por si mesmos o tratamento que recibe o lixo producido nolos seus fogares.

A tarefa docente asumiuna o equipo de educadores ambientais que se atopa ao servizo desta entidade pública, encargado de impartir unha completa sesión teórico-práctica orientada a instruír aos mozos e mozas na correcta xestión dos residuos municipais.

Equipados cos seus elementos de protección individual e, acompañados polos monitores, comprobaron o funcionamento da planta de clasificación, na que se separan por tipoloxías os materiais recolleitos a través dos contedores amarelos (latas, briks e envases de plástico) para ser reciclados posteriormente na industria transformadora, contribuíndo deste xeito a aforrar enerxía e materias primas virxes.

Completado o circuíto accederon á planta de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible, encargada de dar o debido tratamento ao lixo convencional depositado nos contedores verdes. A través de mecanismos similares aos utilizados na planta de clasificación, na mesma selecciónase a fracción reciclable (aceiro, aluminio e vidro) e o resto transfórmase nun combustible  CDR que nutre unha planta  termoeléctrica para producir electricidade. De feito, coa enerxía producida nesta instalación poderíase abastecer ao 12% dos fogares galegos.