Esgotadas as prazas dos roteiros sobre a Ponte do Burgo para adultos

Pontevedra
02 de agosto 2020

Esta iniciativa enmárcase na programación de actos da 'inauguración espallada' ao longo do mes de agosto da remodelación da ponte do Burgo

Proba de iluminación da ponte do Burgo
Proba de iluminación da ponte do Burgo / Concello de Pontevedra

As 21 prazas de cada un dos roteiros sobre a Ponte do Burgo programados para os mércores 12, 19 e 26 de agosto xa están esgotadas.

Trátase dos roteiros deseñados para adultos e que terán lugar entre as 21 e as 22:30 horas e que rematarán cun petisco no Mercado municipal. Nas mesmas datas, en horario de 19 a 20 horas, tamén se programan roteiros infantís, para rapaces a partires de 5 anos, nos que neste momento aínda quedan prazas libres. A participación é de balde, mais é preciso facer unha inscrición previa en apuntate.pontevedra.gal

Esta iniciativa forma parte da "inauguración espallada" da remodelación da ponte do Burgo, e que terá o primeiro acto o vindeiro martes 4 de agosto. Neste día ás 22 horas está prevista a apertura da mostra sobre a Ponte do Burgo, ás 22:30 horas darase paso ao primeiro acendido monumental da ponte e ás 23 horas ao acendido ornamental con luces de cores que durará ao redor dun minuto.

O acendido da nova iluminación acompañarase cunha actuación do cuarteto de corda da Orquesta Filharmónica Cidade de Pontevedra que interpretará as pezas 'A primavera' e 'O verán' de Vivaldi.

Tanto a iluminación como a actuación musical poderán seguirse desde ambas marxes do río entre a ponte de Santiago e a ponte da Correntes, o que supón un espazo de 1,5 kilómetros e que permite gardar distancias sociais e manter medidas de seguridade.

Ademais tanto o acendido monumental como o ornamental repetiranse todos os días ás mesmas horas.

Convén lembrar que o proxecto de iluminación da ponte inclúe luces na superficie encaixadas no pavimento, iluminación en altura con elementos integrados na varanda, e elementos para dar luz á base dos arcos mediante proxectores individuais que realzan a traza dos arcos, a súa estrutura e forma.

As obras de remodelación da ponte e da súa contorna comezaran o 7 de marzo do pasado ano e foran adxudicadas por un orzamento de 2.057.000 euros nun proxecto enmarcado nos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) concedidos a Pontevedra a través da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible (EDUSI) "Máis Modelo Urbano Pontevedra".