Esgotadas en dous minutos todas as prazas para a Semana do Patrimonio Invisible

Pontevedra
14 de xullo 2025
Actualizado: 18:01

Sen dúbida esta é "unha das actividades máis exitosas das promovidas polo Concello de Pontevedra", tal e como sinalaron dende o Gabinete de prensa.

Todo esgotado para as visitas da 'Semana do Patrimonio invisible'

En dous minutos cubríronse as 366 prazas ofertadas polo departamento de Memoria histórica do Concello de Pontevedra para participar na Semana do Patrimonio Invisible.

Sen dúbida esta é "unha das actividades máis exitosas das promovidas polo Concello de Pontevedra", tal e como sinalaron dende o Gabinete de prensa.

A Semana do Patrimonio Invisible volve a Pontevedra do 17 ao 20 de xullo de 2025, ofrecendo unha nova oportunidade para explorar os segredos mellor gardados da cidade. Nesta quinta edición o Concello apostou por dar a coñecer un total de 7 espazos, 4 deles completamente inéditos, ofrecendo 23 visitas guiadas para descubrir recunchos descoñecidos de edificios como: A imprenta Peón, a antiga farmacia Eiras Puig, o Convento de San Francisco ou a Casa do Barón, actual Parador de Turismo.

 A Imprenta Peón fundada en 1876 e en funcionamento ata decembro de 2024, foi unha as grandes imprentas históricas de Galicia. Na súa Minerva Victoria, en 1939 imprimiuse a obra "Os Vellos non deben de namorarse" de Castelao e contou coa primeira maquina de offset de Galicia, que aínda se conserva.

A farmacia J. L- Domínguez (antiga Enrique Eiras Puig), constitúe un exemplo excepcional de botica que se mantivo practicamente intacta desde a súa inauguración en 1876, cos singulares estantes de estilo neogótico, numerosos frascos cerámicos orixinais de Talavera e a orixinal pintura no teito, atribuída ao propio fundador Enrique Eiras Puig.

O Convento de San Francisco, foi o cenobio máis importante da vila, xunto co de San Domingos e lugar preferente de enterramento das familias nobres pontevedresas durante a Idade Media e Moderna. Por ese motivo acolle unha das máis importantes representacións de sartegos medievais de Galicia, entre os que destaca o do escritor e navegante Paio Gómez Chariño e a súa muller. Unha igrexa gótica maxestosa e un claustro magnífico son só algúns dos tesouros que agocha este cenobio.

Tamén de cara a esta edición se visitará o Café Moderno Afundación Pontevedra, que constituíu un dos epicentros culturais na Pontevedra da primeira metade do século XX. Foi o lugar de encontro de galeguistas ilustres como Bóveda ou Castelao, e de pintores da talla de Carlos Sobrino ou Laxeiro. A exemplar restauración de Álvaro Siza logrou conservar intacto o espírito Art Nouveau do seu interior. 

Aos catro espazos novos súmase a continuidade de outros tres lugares que colleitaron un profundo éxito en pasadas edicións. É o da Igrexa de San Bartolomeu e a Casa do Barón, Parador de Turismo, aos que se lle engade a vella Casa Consistorial de Pontevedra, recentemente rehabilitada.

Como vén sendo habitual, as visitas aos espazos seleccionados, faranse en grupos reducidos, dun máximo de 15 persoas, buscando así garantir a calidade do discurso narrativo e a protección dos bens culturais.

Desde a primeira edición en 2020, liberáronse 18 espazos, destacando especialmente a apertura pioneira do Convento de Santa Clara, así como outros lugares de interese como Villa Pilar, o Arquivo Histórico Provincial, o Pazo de Mugartegui, o Pazo de Gandarón, San Salvador de Lérez ou o Colexio Sagrado Corazón de Placeres. 

Esta iniciativa reafirma o compromiso do Concello coa posta en valor e a divulgación da rica historia e o inmenso legado cultural de Pontevedra.