Esixen á Xunta que se "posicione" e emita un informe desfavorable á continuidade de ENCE

Pontevedra
24 de agosto 2015

A voceira do goberno, Anabel Gulías, destacou que "é hora" de que a Xunta diga que o complexo industrial de Lourizán é un "lastre" para o medio ambiente e para as perspectivas sociais e económicas de Pontevedra e a súa ría. Deben situarse, sinalou, "ao lado dos veciños e veciñas de Pontevedra e deixar de defender os intereses da empresa"

Fábrica de ENCE na ría de Pontevedra
Fábrica de ENCE na ría de Pontevedra / Mónica Patxot

O Concello de Pontevedra insta a Xunta de Galicia a que emita un informe desfavorable sobre a solicitude de prórroga que presentou ENCE para continuar en Lourizán. A través dun acordo da Xunta de Goberno, que será remitido á administración autonómica, esixen ao executivo de Núñez Feijóo que "se posicione claramente" e poña fin á súa "ambigüidade" en relación á permanencia da pasteira na Ría de Pontevedra.

O goberno municipal entende que a Xunta de Galicia, no exercicio das súas competencias exclusivas en ordenación do territorio, debe opoñerse á continuidade de ENCE xa que a prórroga solicitada sería "incompatible" coas directrices de Ordenación do Territorio e do Plan de Ordenación do Litoral (POL).

A voceira do goberno, Anabel Gulías, destacou que "é hora" de que a Xunta diga que o complexo industrial de Lourizán é un "lastre" para o medio ambiente e para as perspectivas sociais e económicas de Pontevedra e a súa ría. Deben situarse, sinalou, "ao lado dos veciños e veciñas de Pontevedra e deixar de defender os intereses da empresa".

RESPOSTA DO PP

Pola súa banda, dende o Partido Popular recoñecen que a localización da fábrica "non é a mellor", pero entenden que nos tempos que corren e ante os datos de desemprego que se rexistran na cidade "non podemos permitirnos o peche da fábrica de ENCE", sobre todo cando, aseguran, a fábrica "está a cumprir coa normativa ambiental".

Neste sentido, os populares lamentan nun comunicado que Pontevedra se convertese nunha cidade "hostil" para a industria e a xeración de emprego e critican que o goberno municipal "lonxe de cambiar esta situación mantén a súa actitude déspota e totalmente contraria á realidade social que viven nosos veciños".