O Bloque Nacionalista Galego (BNG) fixo un chamamento urgente para mellorar a seguridade viaria na N-640 ao seu paso polo concello de Cuntis.
A senadora Carme da Silva, acompañada pola concelleira Natalia Camiña e o futuro portavoz municipal Daniel Martín, visitou varios puntos críticos da estrada, onde se constataron situacións de risco tanto para peóns como para vehículos.
Durante a visita, a senadora nacionalista destacou a necesidade de rehabilitar o firme e implantar medidas de calmado de tráfico, especialmente en zonas urbanas.
"A N-640 é unha vía clave para as comarcas do Deza, Tabeirós-Terra de Montes e Caldas, pero presenta tramos moi perigosos que requiren atención inmediata", sinalou Da Silva.
Entre os puntos máis preocupantes están o paso pola Escola Infantil do Porto de Gómez e a zona próxima á piscina municipal, así como os cruzamentos de Portela, San Ildefonso, Campo e Lornés.
O BNG anunciou que rexistrará iniciativas parlamentarias para esixir ao Ministerio de Transportes que explique con detalle as actuacións previstas nesta infraestrutura.
"É imprescindible unha rehabilitación integral do firme e a implantación de medidas como pasos de peóns, semáforos ou semirotondas para reducir a velocidade e garantir a seguridade", subliñou a senadora.
A formación nacionalista insiste en que a N-640 precisa dunha intervención global que elimine os puntos negros, facilite os cruzamentos de forma segura e asegure o respecto aos límites de velocidade.
"A veciñanza de Cuntis merece unha estrada segura, e o Goberno debe comprometerse a actuar de forma inmediata", concluíu Da Silva na súa visita á zona.