Esixen medidas efectivas para que os produtores de uva non paguen os pratos rotos da Covid19

O Salnés
01 de agosto 2020

Ás portas da vendima, o sindicato Unións Agrarias insiste na necesidade de que a Xunta de Galicia "faga os deberes para que os produtores de uva non paguen as consecuencias da Covid19". Nas Rías Baixas a vendima se prevé abundante e deberá comezar en setembro

Viñedos nas Rías Baixas
Viñedos nas Rías Baixas / Turismo de Galicia

Ás portas da vendima, o sindicato Unións Agrarias insiste na necesidade de que a Xunta de Galicia "faga os deberes para que os produtores de uva non paguen as consecuencias da Covid19". Nas Rías Baixas a vendima se prevé abundante e deberá comezar en setembro.

Para isto reclaman a posta en marcha das medidas nas que levan tempo insistindo. O responsable de Agricultura de Unions Agrarias, José Ramón González lembra que, ata o momento, os viticultores galegos non contaron con axuda para paliar as consecuencias da crise sanitaria. Por iso insta ao goberno galego a non deixar pasar máis tempo e acondicionar as axudas ás adegas á recollida integral da colleita a prezos nunca inferiores aos da pasada campaña.

José Ramón González insiste na necesidade de impulsar contratos claros previos á vendima.

CONTRATACIÓNS

Mentres tanto os técnicos das adegas apuntan que a uva está xa no proceso de peche de acio, mesmo algunhas iniciaron xa o pintado, pero necesita urxentemente algo de choiva para poder  rehidratarse e favorecer a súa maduración antes da vendima.

Á marxe dos traballos agrícolas o labor administrativo das adegas ocúpase estes días da contratación de xornaleiros, desde vendimadores ata carretilleiros.