Esnaquizan un cruceiro en Madrid realizado por canteiros pontevedreses

Pontevedra
09 de novembro 2020

Desde o Centro Galego de Madrid, quen fixo a doazón deste cruceiro, manifestaban na súa páxina oficial o seu "pesar pola destrución do cruceiro da praza de Jacinto Benavente", xunto á súa sede, e do que só conseguiu salvarse a base. Fora unha encarga á Escola de Cantería de Pontevedra na década dos 90 do século pasado

Estado do cruceiro da praza de Jacinto Benavente de Madrid tralos estragos Madrid, Ciudadanía y Patrimonio

A céntrica praza de Jacinto Benavente, en Madrid, albergaba ata esta fin de semana un cruceiro que simbolizaba a presenza de galegos na capital e un agradecemento á acollida desta cidade.

Este cruceiro era unha doazón realizada polo Centro Galego de Madrid, que ten a súa sede a escasos metros, a finais do pasado século.

Desde o Centro Galego, na súa páxina oficial, manifestaban o seu "pesar pola destrución do cruceiro da praza de Jacinto Benavente", que quedou completamente esnaquizado xa que só se conseguiu salvar a base.

"O Centro Galego de Madrid lamenta, profundamente, perder un símbolo, o noso cruceiro, que con todo o agarimo doaramos ao pobo de Madrid como mostra de irmandamento e que se atopaba situado na praza de Jacinto Benavente, praza que recolle algunhas das nosas actuacións por ser a máis próxima á sede máis antiga dos galegos na Comunidad de Madrid, sita na rúa Carretas, 14 3ª planta", engade a agrupación de galegos en Madrid.

O Centro Gallego facíase desta maneira eco da publicación en redes sociais por parte da asociación Madrid, Ciudadanía y Patrimonio (MCyP, Asociación en defensa do patrimonio histórico, artístico, cultural, social e natural da Comunidade de Madrid), na que denunciaba este acto vandálico que atribuía a uns individuos, supostamente baixo os efectos do alcol.

 

 

OBRA DA ANTIGA ESCOLA DE CANTEIROS DE PONTEVEDRA

O historiador e investigador Luís Miguel Aparisi achega no seu libro 'Testimonios gallegos en Madrid' a conexión deste cruceiro coa Escola de Cantería de Pontevedra: "Con fecha 20 de mayo de 1992, el Centro Gallego de Madrid ofrece a la Concejala Presidenta de la Junta Municipal de Centro donar este cruceiro. Trabajado por la Escuela de Canteros de Pontevedra".

Na publicación detalla que a súa primeira localización fora "en la zona ajardinada delante del edificio del Tesoro Público (entre las calles de Atocha y de la Bolsa)" e que nunha posterior remodelación da praza Jacinto Benavente foi trasladado a este lugar.

O Centro Galego en Madrid xa anuncia que fará todas as xestións necesarias para que "cando esta pandemia nolo permita, tentaremos facer todo o posible para que ese emblema poida erixirse, novamente, no lugar que cremos lle corresponde".