A Xunta de Galicia dá por concluida a recuperación da contorna fluvial do río Lérez coa plantación de especies autóctonas de ribeira e a eliminación de invasoras.
A actuación centrouse no tramo entre a estación de bombeo de Monte Porreiro e a presa de Bora, no que se plantaron preto dun cento de exemplares de árbores autóctonas de ribeira, fundamentalmente, bidueiros e sabugueiros.
En canto ás especies exóticas invasoras, elimináronse, fundamentalmente, falsas acacias e mimosas.
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, realizou este sábado un percorrido pola senda e explicou que o Goberno galego destinou máis de 250.000 euros á restauración fluvial desta contorna.
Actuouse nunha superficie de 13,5 hectáreas nun tramo de 3,5 quilómetros co obxectivo de dotar á veciñanza da cidade de Pontevedra dun "espazo de lecer verde moi próximo aos seus domicilios".
Esta actuación forma parte dunha acción máis ampla, que supuxo un investimento de 425.000 euros ao paso do río Lérez polos concellos de Pontevedra, Cerdedo-Cotobade e Campo Lameiro.
En total, recuperáronse 95 hectáreas ao longo de 18 quilómetros, contando ambas marxes do río.
A conselleira estivo acompañada do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera.