Especies invasoras e restauración ecolóxica centran as Xornadas Verdes en Pontevedra

Pontevedra
15 de decembro 2025
Actualizado: 12:18

Un encontro técnico e científico que reunirá a destacados especialistas en especies invasoras e restauración ecolóxica de España

Restauración ambiental da Xunqueira de Alba
Restauración ambiental da Xunqueira de Alba / Mónica Patxot

O Concello de Pontevedra celebra este martes 16 de decembro, as Xornadas Verdes RedeVerde, un encontro técnico e científico que reunirá a destacados especialistas en especies invasoras e restauración ecolóxica de España. A cita terá lugar no Pazo da Cultura, entre as 9:15 e as 14:30 horas.

As xornadas abordarán dous dos grandes retos da renaturalización urbana como son o control das especies exóticas invasoras, que ameazan a biodiversidade galega, e as claves para lograr restauracións ecolóxicas eficaces e duradeiras.

Estes temas resultan especialmente relevantes para Pontevedra, onde o proxecto RedeVerde está a recuperar espazos naturais como a Xunqueira de Alba, o río Gafos e a marisma do Alba.

A primeira sesión centrarase na detección e eliminación de especies invasoras, con intervencións de especialistas da Universidade da Coruña, o CSIC e do Parque Nacional das Illas Atlánticas.

Tras un descanso, a segunda sesión analizará estratexias de renaturalización e restauración urbana, con casos de éxito en Cataluña, País Vasco e Xixón, subliñando a importancia de combinar evidencia científica co compromiso da cidadanía.

Especies como a acacia, o plumeiro ou o xacinto de auga representan ameazas para os ecosistemas autóctonos, e a súa correcta xestión é fundamental para o éxito de proxectos como RedeVerde, que busca recuperar máis de 21.000 metros cadrados de infraestructura verde e mellorar a biodiversidade urbana e a calidade de vida da cidadanía.