Espectáculo pirotécnico para baixar o pano

Pontevedra
18 de agosto 2014

Os fogos de artificio serviron de traca final para as Festas da Peregrina, pero as Festas de Verán, que este ano implican máis de 200 actividades, aínda continúan, coa Feira Franca como cita principal do que resta de verán o primeiro fin de semana de setembro

Fotos de artificio para poñer fin ás Festas da Peregrina
Fotos de artificio para poñer fin ás Festas da Peregrina / PontevedraViva

Un espectáculo pirotécnico a media noite volveu servir de traca final para as Festas da Peregrina. Como xa vén sendo habitual, a cita congregou no ámbito do peirao de Corvaceiras, o ámbito de San Roque e a Alameda e as rúas de orillamar a centos de persoas, que, nesta ocasión, puideron gozar da combinación de luces, formas e cores, con toda a súa intensidade debido ao ceo despexado deste domingo.

Con motivo da tirada de lumes, a Policía Local de Pontevedra deseñara un operativo especial de seguridade que permitiu o traballo dos pirotécnicos sen a intromisión de persoas e vehículos pola zona dende a que se lanzaron e que o público gozase do espectáculo con tranquilidade. A partir das 23.30 horas quedou pechado ao tráfico rodado o perímetro do peirao de Corvaceiras e axentes situados en distintas rúas impediron que os coches se achegasen ás inmediacións.

Tras 15 minutos de espectáculo, para o que moito pontevedreses e visitantes mesmo compraron pipas para sentarse a gozar, chega xa o final das festas. Quedaban as últimas rabexadas do concerto de El consorcio, da verbena de Monteiro Ríos e das atraccións de feira instaladas no ámbito da Alameda, pero este luns Pontevedra xa amenceu coas celebracións finalizadas e unha tranquila volta á normalidade.

As Festas de Verán, que este ano implican máis de 200 actividades, aínda continúan, coa Feira Franca como cita principal do que resta de verán o primeiro fin de semana de setembro.