A espera para operacións cirúrxicas sitúase en 66 días na área sanitaria

Pontevedra
12 de marzo 2026
Actualizado: 13 de marzo

A xerencia sinala que os casos graves chegaron a atenderse en menos de 20 días durante 2025, nun exercicio marcado pola suspensión das "peonadas" nos quirófanos e o impacto das folgas médicas

José Flores, xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, e Yolanda Sanduende, directora asistencial
José Flores, xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, e Yolanda Sanduende, directora asistencial / Antía Quinteiro García

A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés pechou o segundo semestre de 2025 logrando estabilizar os seus indicadores de demora media.

Segundo o balance oficial presentado este xoves no Hospital Provincial polo xerente, José Flores, e a directora asistencial, Yolanda Sanduende, o tempo medio de agarda para unha intervención cirúrxica situouse en 66,4 días, mentres que as consultas de especialistas requiren de media 67,7 días.

Estas cifras son o resultado dun exercicio de intensa actividade no que se superaron as 27.000 cirurxías e as 560.000 consultas externas.

Desde a xerencia puxeron en valor o compromiso dos cadros de persoal de ambos distritos (Pontevedra e O Salnés) para soster estes tempos nun contexto condicionado polo envellecemento da poboación e a aparición de novas necesidades diagnósticas, ademais do seguimento dos pacientes, segundo indicaba Sanduende ao ofrecer os datos.

A análise con detalle presenta diferenzas significativas entre os dous centros de referencia da área.

No que respecta á cirurxía, o Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP) rexistra unha demora media de 69,4 días, fronte á maior axilidade do Hospital do Salnés, que logra baixar ata os 48,2 días.

Actualmente hai un total de 4.555 persoas pendentes dunha operación na área sanitaria, indicaron.

As especialidades con mellor resposta cirúrxica no distrito pontevedrés son Xinecoloxía e Dermatoloxía, con esperas que roldan o mes.

Pola contra, Traumatoloxía (82,4 días) e Oftalmoloxía (70,6 días) seguen a ser as áreas con máis dificultades para reducir as súas listas.

No Salnés, a situación é máis favorable en todas as ramas, destacando os 22 días de agarda en Dermatoloxía.

Onde o sistema mostra a súa maior eficiencia é nos casos de prioridade 1. A área cumpre co compromiso de atender as patoloxías máis graves nun prazo inferior a 30 días, situando a media en 17 días (18 en Pontevedra e tan só 11,5 no Salnés).

No ámbito das consultas externas, a media global da área é de 67,7 días, pero a realidade varía drasticamente segundo a especialidade.

26.504 pacientes da área agardan unha consulta do especialista.

Servizos como Oncoloxía Médica, Pneumoloxía ou Hematoloxía presentan unha axilidade notable, con esperas inferiores aos 18 días en Pontevedra e mesmo por debaixo dos 5 días no caso do Salnés.

No outro lado da balanza sitúase Neuroloxía, que se confirma como o principal punto de dificultade de atención cunha demora que supera os 120 días en Pontevedra e os 60 no distrito arousán. Outras especialidades como Uroloxía e Traumatoloxía tamén superan amplamente os dous meses de agarda.

En canto ás probas diagnósticas, a radioloxía presenta unha media de 48,3 días. Resulta destacable a disparidade nos TAC, onde Pontevedra é moito máis rápida (25,4 días) que O Salnés (73 días), mentres que nas resonancias magnéticas a situación invértese a prol do hospital vilagarcián.

A xestión destas listas de espera desenvolveuse durante meses en que se produciron e continúan producíndose un clima de tensión laboral.

O conflito dos especialistas de Anestesia e Cirurxía Xeral, que se negan a realizar actividade extraordinaria de tarde en protesta polo estatuto marco, mantén bloqueadas as autoconcertacións, as coñecidas como "peonadas", o que limita a capacidade de choque contra a demora, explicou Flores.

Apuntou que durante 2025 tiveron que aprazarse 345 intervencións cirúrxicas debido ás xornadas de folga. Indicou tamén que á sanidade privada, en concreto o Hospital QuirónSalud, son derivadas menos do 2% das operacións.

A isto súmanse as folgas en Atención Primaria, que provocan a cancelación dunhas 200 consultas diarias e retardan a derivación de pacientes ao especialista, lamentou o xerente.

Nesta mesma xornada, ademais da folga médica que mantén convocada Omega tamén se suma a convocada polo sindicato CIG na Atención Primaria. Apuntou que habitualmente a media de médicos que seguen a folga sitúase entre oito e dez profesionais.

José Flores e Yolanda Sanduende falaron sobre as listas de espera
José Flores e Yolanda Sanduende falaron sobre as listas de esperaAntía Quinteiro García

NOVO MONTECELO

A previsión é que as unidades de Radioterapia estean operativas no Novo Montecelo en maio deste 2026, unha vez se complete a subministración eléctrica definitiva.

O traslado total do hospital e a unificación de servizos proxéctanse para o final do presente ano, apuntou Flores.

Tamén recoñeceu que, polo momento, segue sen decidirse cal será o futuro das instalacións do Hospital Provincial, unha vez que estea operativo o Novo Montecelo.

ATENCIÓN PRIMARIA

A situación da Atención Primaria segue a ser un dos problemas máis complexo para a xerencia da área sanitaria. Malia a recente incorporación de profesionais tras a última OPE de médicos de familia, o mapa de centros de saúde aínda debuxa varios puntos vermellos.

O xerente, José Flores, sinalou que nalgúns centros atopan a dificultade de facer atractivos os horarios vespertinos para os profesionais. Segundo explicou, onde existe a posibilidade de escoller, os facultativos optan maioritariamente polo traballo matinal.

"Onde temos os problemas maiores son nas xornadas puras de tarde; cando hai onde elixir, os médicos prefiren os horarios de mañá", admitiu Flores, recoñecendo que esta preferencia deixa baleiros asistenciais.

Deste xeito, indicou que o centro de saúde Virxe da Peregrina (Pontevedra) logrou reducir á metade o seu déficit. De ter seis cupos de tarde sen facultativo asignado, a xerencia confirma que nestes momentos a cifra baixou a tres.

O centro de saúde de Arcade (Soutomaior) é un dos puntos que máis preocupa nestas semanas. Con tres cupos totais, o centro sofre a xubilación inminente dunha facultativa.

Tamén en San Roque (Vilagarcía), o xerente cualificou a situación neste centro como «complicada», especialmente pola falta de facultativos en tres cupos de tarde. Flores matizou que, mentres as ausencias de mañá se deben a baixas que se van parcheando con horas extra do propio persoal, as de tarde seguen sendo prazas estruturais sen cubrir.

"Agora mesmo estase cubrindo con prolongacións de xornada porque non hai substitutos", sinalou Flores, quen deposita a esperanza na pronta incorporación dos residentes de familia que rematan o seu período formativo.

Malia estas fendas, a xerencia agarda que unha segunda oferta de prazas por parte da consellería e a chegada de novas promocións de médicos residentes permitan aliviar a carga asistencial.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora