A apertura do Hospital Novo Montecelo non se axustará ao calendario inicialmente previsto pola dirección da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés.
Aínda que o obxectivo era comezar o traslado progresivo de servizos no primeiro semestre de 2026, a Consellería de Sanidade asume agora que ese prazo non se cumprirá na súa totalidade.
Así o recoñeceron este venres o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e o xerente da área sanitaria, José Flores, tras participar nunha xornada con motivo do Día Mundial das Enfermidades Raras.
Ambos confirmaron que o primeiro servizo que entrará en funcionamento será o de radioterapia, aínda que evitaron concretar si o fará antes do mes de xuño. O compromiso oficial é que estea operativo antes de que finalice 2026.
A execución da obra civil alcanza xa o 99 %, despois de case cinco anos de traballos (cumpriraos o próximo 3 de maio) e un investimento próximo aos 200 millóns de euros, o maior realizado até a data na cidade de Pontevedra.
O complexo hospitalario presenta unha imaxe practicamente terminada, pero agora encara a fase decisiva co seu equipamento integral.
"A construción está practicamente rematada, pero é unha obra moi complexa", explicou o titular de Sanidade.
O seguinte paso consiste en dotar ao edificio de mobiliario clínico, tecnoloxía sanitaria e dispositivos médicos, un proceso suxeito a prazos administrativos e licitacións públicas que condicionan o calendario.
No interior do hospital xa se están instalando equipos e calibrando as máquinas de radioterapia, mentres se ultiman os detalles do búnker que albergará este servizo, chamado a ser o primeiro en abrir as súas portas.
A posta en marcha do servizo de radioterapia ten un valor estratéxico para a área sanitaria. Actualmente, preto de 800 pacientes oncolóxicos de Pontevedra e O Salnés deben desprazarse a Vigo para recibir tratamento. A previsión é que antes do 31 de decembro poidan facelo xa no novo hospital, evitando traslados e mellorando a súa calidade de vida.
Segundo detallou o conselleiro, a subministración eléctrica definitiva está "practicamente garantida", trátase dun requisito fundamental para a activación de equipamentos de alta complexidade.
No entanto, o conselleiro e o xerente subliñaron que este aspecto depende de diversas administracións e compañías subministradoras, polo que os prazos non están exclusivamente en mans da Xunta.
José Flores precisou que outro escollo pendente é a urbanización exterior arredor do búnker de radioterapia e a consolidación das acometidas definitivas de electricidade e outros servizos. Unha vez completados eses traballos, o hospital estará en disposición de comezar a tratar pacientes.
A Consellería insiste en que a intención é "acelerar ao máximo" para que os primeiros pacientes sexan atendidos este mesmo ano no Novo Montecelo. Con todo, o traslado integral de servizos e a plena operatividade do complexo hospitalario requirirán aínda varios meses adicionais.
Así, o novo hospital avanza cara á súa apertura efectiva cunha estratexia de implantación progresiva, comezando pola radioterapia e deixando para fases posteriores o traslado do resto de especialidades.
Tras un investimento histórico e un lustro de obras, o edificio está construído pero agora o reto é convertelo nun hospital plenamente funcional ao servizo da cidadanía.