A concelleira de Promoción Económica e da Cidade, Anabel Gulías, achegouse ao primeiro andar da praza de abastos co fin de ver o avance da obra que está en marcha e comprometeuse a que, dende o goberno local do Concello de Pontevedra, "faremos todo o posible para que no primeiro trimestre de 2019 o mercado estea funcionando".
Mentres a obra avanza, a tramitación das bases para a definición dos usos e a adxudicación dos postos segue o seu curso. Nestas bases recóllense horarios, os prezos do canon a pagar, a relación de 24 postos, 16 de eles con extracción de fumes, asi coma outras condicións das concesións.
A reforma foi adxudicada á empresa Acevi por 218.682,22 euros, nun proxecto financiado nun 80% polos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER).
Anabel Gulías salientou que os mercados foron evolucionado e "o de Pontevedra non podía permitirse seguir ancorado nos usos tradicionais". A proposta na que se está a traballar é converter o primeiro andar da praza nun espazo gastronómico no que a xente veña a mercar e a degustar produtos preferentemente do propio mercado, pero tamén un espazo onde innovar e dar a coñecer outras cociñas, no que acoller actividades gastronómicas, educativas, culturais, artísticas e musicais.
Unha das propostas complementarias é o "Mercadolab" que é o programa cultural permanente do mercado, que sirará arredor da cultura gastronómica, a tradicional e a contemporánea, a local e doutras partes do mundo.
Seguirá a iniciativa "O Ganapán", o espazo de lecer con obradoiros infantís, roteiros e actividades que poñen en contacto á cativada cos alimentos e os produtos da praza; e tamén continúa a "Setima Feira", un mercado da moda e arte que ocupa a praza un sábado de cada mes.
A versatilidade de uso deste espazo é posible tamén grazas á creación de diferentes puntos de almacenaxe, de cara a poder mover parte do mobiliario cando sexa necesario e gardar equipos audiovisuais, ademais de tarimas para eventos, faladoiros, conferencias, recitais, entre outras ideas.
A concelleira de Promoción Económica puxo a énfase tamén nos traballos de reforma e adecuación do espazo que se están a realizar, coma o sistema de extracción de fumes, o traslado dos elementos decorativos e o mobiliario obsoleto que había, poñer a nivel o chan, o pintado de todos os postos que estaban precarios ou a instalación de abastecemento de auga para as conexións temporais coa zona central.