O espazo gastronómico do mercado de Pontevedra recibe trece propostas

Pontevedra
06 de marzo 2019

"Respiramos e estamos contentos coa recepción", sinalou a edil de Promoción da cidade, Anabel Gulías, que asegura que os 23 postos dispoñibles serán cubertos "na súa maioría", xa que algunhas das ofertas recibidas optan a ocupar máis dunha praza

Obras no primeiro andar do mercado de abastos de Pontevedra
Obras no primeiro andar do mercado de abastos de Pontevedra / Mónica Patxot

Antes do verán. É a data que mantén o Concello de Pontevedra para que o espazo gastronómico que se abrirá na primeira planta do mercado de abastos sexa unha realidade. Ata agora, son trece as propostas recibidas para participar nesta iniciativa.

"Respiramos e estamos contentos coa recepción", sinalou a edil de Promoción da cidade, Anabel Gulías, que asegura que os 23 postos dispoñibles serán cubertos "na súa maioría", xa que algunhas das ofertas recibidas optan a ocupar máis dunha praza.

A partir de agora, os servizos técnicos do Concello analizarán as propostas presentadas para comprobar que cumpren os requisitos das bases e a documentación é correcta. Este trámite realizarase "con toda celeridade", segundo Gulías.

Destes 23 postos, quince teñen extracción de fumes e unha superficie de entre 6 e 24 metros cadrados. Os interesados optan a ocupar este espazo durante un ano, coa posibilidade de prórroga por tres máis. O canon oscilará entre os 301 e os 357 euros anuais.

Os horarios de apertura da primeira planta do mercado será de 06.00 a 22.00 horas durante a semana e ata as 23.30 horas na fin de semana. Os novos concesionarios, ademais, serán os encargados da limpeza das instalacións.

No caso de que haxa vacantes no futuro espazo gastronómico, o Concello permitirá a instalación de postos "itinerantes", dando opción a emprendedores que non queiran optar a estar un ano enteiro e si ter actividade certos meses ao ano.

Outra opción sería cubrir os postos cos participantes da Sétima Feira ou mesmo apostar por propostas efémeras que permitan convidar a certos restauradores de maneira puntual como atractivo deste espazo gastronómico.

Con esta proposta, segundo Gulías, o mercado de abastos terá unha primeira planta "dinámica" e con propostas "novidosas" no ámbito gastronómico.