Estabilizado o incendio no monte da Fracha: agora toca avaliar danos

Pontevedra
07 de agosto 2022

Ás 17.48 horas deste domingo, a Consellería de Medio Rural confirmou oficialmente que o incendio que arrasou desde o venres o monte da Fracha quedaba "estabilizado". Arrasou 380 hectáreas de terreo de Pontevedra e Ponte Caldelas. Os gobernos locais de Pontevedra e Ponte Caldelas fan balance

Terreos devorados polo lume no monte da Fracha
Terreos devorados polo lume no monte da Fracha / Cristina Saiz

Ás 17.48 horas deste domingo, a Consellería de Medio Rural confirmou oficialmente que o incendio que arrasou desde o venres o monte da Fracha quedaba "estabilizado". Xa durante a mañá se anunciara que evolucionaba "favorablemente" e desactivouse a situación de alerta 2 decretada como medida preventiva o día do inicio do lume por proximidade de núcleos de poboación.

Como estimación provisional, a Xunta de Galicia sinala que o lume arrasou 380 hectáreas de terreo de Pontevedra e Ponte Caldelas neste incendio que comezou en Xustáns sobre as sete e media da tarde do venres. 

Agora que se superou a fase de incendio, toca avaliar os danos. Así o indicou este domingo a concelleira de Seguridade Cidadá de Pontevedra, Eva Vilaverde, que aplaudiu que "por fin podemos dicir que o incendio está apagado e polo tanto durmir un pouco máis tranquilos todos e todas"

Vilaverde lembrouse de toda a veciñanza afectada, en Ponte Sampaio e a Canicouva, á que mandou, en nome do Concello de Pontevedra, "todo o noso afecto e o noso ánimo" porque pasaron por "momentos de moita tensión, complicados e de moita preocupación".

A responsable municipal de Pontevedra sinalou que era ese momento de avaliar danos e tamén de estudar "as medidas a adotar na parte que nos toca", como Concello, asi como, sobre todo, "esperar que non volvamos ter un susto coma este".

O monte, lembrou Eva Vilaverde, "é un perigo" e pediu que se actúe "en serio" nos montes durante todo o ano, "que se elimine a superficie de eucalipto , que se ordene, que se poña o monte a producir e que se faga con cabeza". A súa petición é clara: "que durante o ano evitemos, por favor, que teñamos que pasar por un Inferno coma este todos os veráns".

O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Diaz, tamén valorou a "situación cero" do incendio e lembrou que foron "horas moi duras" as vividas durante fin de semana nos montes de Baltar e Xustáns, así como nos de Ponte Sampaio e A Canicouva. 

Andrés Diaz tivo palabras de agradecemento para "todas as persoas que participaron na extinción e a todos os que axudaron", desde bombeiros a bombeiros forestais, policías, gardas civís, Protección Civil, a Unidade Militar de Emerxencias, os operarios municipais e a Consellería de Medio Rural.

Tamén deu as grazas a empresas como Acuña que regalou cafés e bolos na mañá do sábado e a todos os veciños de Baltar, Xustáns, Taboadelo e doutros lugares de Ponte Caldelas que achegar auga fresca, bocadillos, tractores e outros medios materiais.