Medio Rural dá por controlado o incendio da Fracha dous días e medio despois de empezar a arder

Pontevedra
08 de agosto 2022

Ao mediodía deste luns, a Consellería de Medio Rural confirmou oficialmente que está controlado. Arrasou 380 hectáreas de terreo de Pontevedra e Ponte Caldelas. Para extinguir o lume mobilizáronse cinco técnicos, 27 axentes, 64 brigadas, 43 motobombas, 4 pas, unha unidade técnica de apoio, 8 avións e 10 helicópteros, ademais da UME

Incendio no monte da Fracha
Incendio no monte da Fracha / Cristina Saiz

Ao mediodía deste luns, máis de dous días e medio de que comezara a arder o monte da Fracha, a Consellería de Medio Rural confirmou oficialmente que o incendio está controlado. Arrasou desde as sete e media da tarde do venres 380 hectáreas de terreo de Pontevedra e Ponte Caldelas.

A Consellería de Medio Rural dera por estabilizado o lume na tarde deste domingo e este luns confirmou o control. Xa durante a mañá deste domingo desactivara a situación de alerta 2 decretada como medida preventiva o día do inicio do lume por proximidade de núcleos de poboación.

O lume comezou na parroquia de Xustáns, en Ponte Caldelas, e o o vento estendeuno rapidamente nas primeiras horas cara ao monte de Pontevedra, onde as parroquias máis afectadas foron Ponte Sampaio (fundamentalmente o lugar do Vilar) e A Canicouva

 Ata as 8.00  horas da mañá deste sábado a Xunta despregara para extinguir este lume cinco técnicos, 27 axentes, 64 brigadas, 43 motobombas, 4 pas, unha unidade técnica de apoio, 8 avións e 10 helicópteros

Ademais, despregouse neste incendio a Unidade Militar de Emerxencias (UME), que repregou a media mañá deste domingo, e mobilizáronse voluntarios de Protección Civil de Pontevedra, Soutomaior e Poio, os bombeiros de Pontevedra e distintos medios municipais dos dous municipios afectados, Pontevedra e Ponte Caldelas, así como axentes da Garda Civil e da Policía Local de Pontevedra e veciños tanto de Pontevedra como de Ponte Caldelas.