Estafa en Vilaboa: chaman esixindo cartos por documentos municipais

Vilaboa
13 de abril 2026

O Concello de Vilaboa aclara que o envío e a entrega de notificacións oficiais non teñen custo para a veciñanza

Unha persoa facendo unha chamada
Unha persoa facendo unha chamada / Xunta de Galicia

O Concello de Vilaboa emitiu este luns, 13 de abril, un aviso a través das súas redes sociais para previr á poboación ante unha serie de chamadas telefónicas fraudulentas.

O goberno local detectou que persoas alleas á administración contactan coa veciñanza facéndose pasar por persoal municipal co obxectivo de solicitar o pago de cartos pola entrega de documentación.

A fraude segue un procedemento fixo no que o interlocutor comunica a existencia de expedientes pendentes e indica que o destinatario debe pagar unha contía para a súa recepción.

Ante estes feitos, o Concello comunicou que a institución non solicita nunca ingresos económicos pola tramitación, envío ou entrega de notificacións e documentos oficiais.

As autoridades municipais recomendan interromper a comunicación de inmediato en caso de recibir unha chamada desta natureza.

Alerta de estafa telefónica en Vilaboa
Alerta de estafa telefónica en VilaboaConcello de Vilaboa

O aviso inclúe unha petición de colaboración para difundir a alerta entre os residentes e evitar que se produzan perdas económicas por esta práctica.

A Garda Civil de Pontevedra informou a PontevedraViva de que, polo momento, no constan denuncias por estas chamadas fraudulentas.