Alerta por unha estafa na que usan o nome do festival Solifest en Vilagarcía

O Salnés
02 de febreiro 2026

A organización aclara que non solicita doazóns porta a porta e insta os afectados a denunciar os feitos ante a Policía

Solifest
Solifest / Organización do Solifest

A organización do Solifest, o coñecido festival benéfico que recada fondos para a asociación Amencer-Aspace, emitiu este luns un comunicado de urxencia para alertar sobre unha fraude detectada en diversos establecementos da localidade.

Segundo informaron os responsables do evento, persoas alleas á organización están a visitar comercios e locais de hostalaría facéndose pasar por representantes do festival.

Baixo o pretexto de solicitar "doazóns económicas anuais", os estafadores chegaron a pedir contías que acadan os 300 euros nalgúns casos.

A organización foi tallante ao desmentir calquera vínculo con estas prácticas: "O Solifest NON solicita doazóns económicas porta a porta nin establece acordos de colaboración anual deste tipo".

Trátase, polo tanto, dun uso fraudulento do nome do festival e da causa social que este defende, sinalan desde a organización.

Para evitar novos afectados, o Solifest lembrou que existen canles oficiais e transparentes para realizar calquera achega económica.

A única forma autorizada de colaborar é o mesmo día do evento, o 19 de abril de 2026, directamente nos postos habilitados dentro do recinto do festival.

Aqueles locais que estean debidamente identificados e anunciados de xeito exclusivo a través das redes sociais e canles oficiais da organización.

Dende o Solifest lamentan profundamente que se utilice unha causa benéfica para o lucro persoal e instan a todos os comerciantes, hostaleiros ou particulares que fosen contactados por estes individuos a que presenten a correspondente denuncia ante a Policía.

A organización pide á cidadanía que, ante calquera dúbida ou solicitude sospeitosa, consulten a información verificada nas súas plataformas oficiais para garantir que a axuda chegue realmente aos usuarios de Amencer-Aspace.