"Estamos aliviados pero ata que poidamos abrazalo non estaremos tranquilos de todo"

Bueu
30 de agosto 2021

"Estamos moi felices. Aliviados sería a palabra". Así resume Víctor Costas, o irmán do mariñeiro de Bueu que estaba retido en Iemen, a sensación que vive a súa familia despois de coñecer que fora liberado e que se atopa a salvo nun hotel do país

Concentración realizada en Bueu reclamando a liberación de Pablo Costas
Concentración realizada en Bueu reclamando a liberación de Pablo Costas / Concello de Bueu

"Estamos moi felices. Aliviados sería a palabra". Así resume Víctor Costas, o irmán do mariñeiro de Bueu que estaba retido en Iemen, a sensación que vive a súa familia despois de coñecer que fora liberado e que se atopa a salvo nun hotel do país.

Os acontecementos precipitáronse despois de que, hai apenas uns días, denunciasen a "situación extrema" na que se atopaba Pablo Costas, a bordo do barco "Cobija" xunto unha trintena de compañeiros e sen víveres desde facía nove días.

Nas últimas horas, a familia logrou falar con el a pesar de que as comunicacións seguen sendo "precarias", explica Víctor. "Está no hotel esperando que alguén lle de noticias para o trasladado", engade o irmán do mariñeiro.

El atópase "ben de saúde e recuperado do esgotamento extremo destas últimas semanas". A tensión acumulada fixo efecto nel e, nada máis chegar ao hotel, "veuse abaixo", confesa o seu irmán. "Pero o descanso veulle ben. Xa o notamos máis sereno".

A liberación de Pablo Costas, que chegou a Iemen hai once meses, é só o primeiro paso para o seu ansiado regreso a casa. A familia recoñece que "ata que podamos abrazalo non estaremos tranquilos de todo", porque a súa saída do país non será tarefa fácil.

Agora a súa principal preocupación na súa seguridade. Iemen está inmerso nunha guerra civil desde 2015 e o hotel no que se atopa o mariñeiro galego está a uns 270 quilómetros do aeroporto. Para chegar ata alí necesitará protección.

"A embaixada ten que garantirlle un traslado seguro", apunta o seu irmán, ademais de xestionarlle a documentación e os billetes de avión que necesita para regresar a casa.

Sexa como sexa, segundo Víctor Costas, "estamos esperanzados en que isto termine pronto".