O Concello de Pontevedra quere instaurar un novo sistema de recollida de lixo, sumándose así ao tren da reciclaxe. Unha das pezas crave deste sistema é a compostaxe, medida que se poñerá en marcha como proxecto piloto proximamente, entre os de meses de abril e maio, na parroquia de Campañó e no barrio de Monteporreiro. Pero, que opinan os pontevedreses sobre a reciclaxe?, están dispostos a reciclar?, fano na actualidade?
A maioría dos pontevedreses e das pontevedresas admiten que reciclan actualmente nas súas vivendas, especialmente os mozos. Con todo, cando preguntamos aos adultos de mediana idade acerca de se reciclan ou non, recoñecen que "non o fan o que deberían" ou que só "ás veces". Un pequeno segmento da poboación, homes de terceira idade, declaran rotundamente que non reciclan nos seus fogares.
A pesar das diferenzas entre os hábitos dos cidadáns para coidar o medio ambiente, todos manifestan a mesma idea cando se pregunta achega da compostaxe: "é boa". Con todo, aínda que o consideran unha boa iniciativa, mostran certas reticencias relativas, sobre todo, ás facilidades que se poidan ofrecer ou ao espazo necesario para levar a cabo esta tarefa, entre outros.
Estarían os cidadáns dispostos a dar un paso máis e sumarse á compostaxe? A resposta: si, pero... Non todos se mostran convencidos, xa que teñen presente as dificultades deste sistema, así o manifestaron na enquisa realizada por PontevedraViva.