Este é Alex. El atopou a botella de Cándido no lugar habitado máis remoto da Terra

Marín
25 de febreiro 2016

Entre Marín e Tristán de Acuña, no Atlántico Sur, estableceuse un vínculo inesperado. O nexo de unión establéceno Cándido Juncal, o autor da mensaxe nunha botella que apareceu 16 anos e medio despois no lugar máis distante que podía imaxinar, e Alex Mitham, a persoa que o localizou. Ambos conversaron xa vía telefónica e mesmo falaron da posibilidade de conocerse en persoa

Alex Mitham, administrador de Tristán de Acuña, coa botella e a mensaxe de Cándido Juncal

Entre Marín e Tristán de Acuña, no Atlántico Sur, naceu un vínculo inesperado. O nexo de unión establéceno Cándido Juncal Crespo, que nas últimas semanas foi noticia porque apareceu unha mensaxe nunha botella que tirara o mar en 1999, e Alex Mitham, a persoa que o localizou o 7 de xaneiro de 2016. Ambos conversaron xa vía telefónica e mesmo falaron da posibilidade de que o mariñeiro marinense viaxe algún día ata o remoto arquipélago no que apareceu o seu escrito.

Xa sabemos quen é Cándido, pero quen é o segundo protagonista desta historia? É o home que se ve na fotografía, riseiro e orgulloso. Alex Mitham é desde o ano 2013 o administrador de Tristán de Acuña, un arquipélago británico situado no Atlántico sur inscrito no libro Guinness dos récords como o lugar habitado máis afastado de calquera outro lugar habitado da Terra. Cándido lanzaba as súas botellas ao mar -máis dun centenar nos seus 35 anos en alta mar- coa esperanza de que algún día alguén as atopase, pero el converteuse en protagonista involuntario desta historia mentres daba un paseo.

Ese día, o administrador dirixiuse cara a Anchorstock, no extremo oeste da illa, e colleu o camiño de Bluff, considerado como moi perigoso debido á erosión, cando, na praia, nun lugar practicamente inaccesible atopouse cunha botella. Sacoulle fotos, colleu o papel que levaba dentro e levou á sede oficial do gobieno da illa. A botella deixouna alí, onde aparecera e alí quedou varias semanas, ata que recentemente, despois de que, a través da publicación da noticia de PontevedraViva, apareceu a filla de Cándido e púxose en contacto co editor da páxina web da illa, decidiu ir buscala

O 10 de febreiro, tras recollela, fixo a fotografía que acompaña este texto, na que aparece contento e orgulloso. A satisfacción é tal que a botella se exhibe xa no Museo de Tristán de AcuñaA alegría mostroulla a Cándido hai escasos días, cando contactaron telefonicamente e convidouno a visitar a illa, recoñecendo, iso si, a dificultade do desprazamento. Para chegar, previamente hai que voar ata Cidade do Cabo e alí coller un ferry que sae con escasa frecuencia -como moito, un ao mes- e ten un traxecto de seis días navegando ata alí. Ademais de custoso, a viaxe é longo e require moito tempo, do que o marinense agora non dispón. 

Tras atopar a botella en xaneiro, Alex comunicoulle o achado á súa muller e a un terceiro cómplice que foi crucial para localizar a Cándido e poñer en contacto a ambos os protagonistas. Trátase dun británico que hai anos traballou de profesor na illa e agora, xa asentado no Reino Unido, exerce de editor da web de Tristán de Acuña. Hasene Mitham, a esposa de Alex, pasou o ferro á folla que ía dentro da botella e tentou traducila, pero para completar o proceso contou coa colaboración do editor da web, que posteriormente iniciou o proceso de procura de Cándido e chegou a PontevedraViva

Tras coñecer a noticia, a filla de Cándido, Maica, xa escribiu a esta 'ligazón' británica, que lle pediu axuda para completar o contido da mensaxe que viaxou entre as illas Malvinas -onde Cándido estaba embarcado cando a lanzou ao mar- e Tristán de Acuña dentro dunha botella. O papel está engurrado e algunhas letras parecen ilegibles, de modo que Alex Mitham e os habitantes de Tristán de Acuña -267 no último censo publicado- están a esperar a que Cándido complete esta historia e, de paso, lles envíe unha foto familiar