Este luns abre o prazo para solicitar visitas ás granxas escola da provincia

Pontevedra
14 de abril 2024
Actualizado: 30 de setembro

O programa permitirá aos centros escolares realizar visitas de educación ambiental ás granxas escola da provincia e así servir de apoio ao labor educativo para fomentar a curiosidade e o respecto pola cultura e o medio  

Granxa escola Serantellos, en Cambados
Granxa escola Serantellos, en Cambados / Granxa escola Serantellos, en Cambados

Este luns 15 de abril abrirá o prazo para solicitar as axudas do novo programa 'Viva o rural' impulsado pola Deputación de Pontevedra.

O programa permitirá aos centros escolares realizar visitas de educación ambiental ás granxas escola da provincia e así servir de apoio ao labor educativo para fomentar a curiosidade e o respecto pola cultura e o medio.

'Vive o rural" está dirixido aos centros públicos de educación infantil, primaria e secundaria dos concellos con poboación inferior a 20.000 habitantes, así como ás Asociacións de Nais e Pais (ANPAS) destes centros educativos, que recibirán unha subvención máxima 1.350 euros (25 euros por alumno) para que poidan organizar visitas de educación ambiental ás granxas escola da provincia (Serantellos, en Cambados; Fervenzaventura, en Silleda; Kiriko, en Fornelos de Montes; Corazón de Carballo, en Tomiño, ou Río Mouro, en Poio).

A través destas visitas, os nenos e as nenas poderán pasar un día realizando distintas actividades de toma de contacto cos animais, labores da horta, obradoiros educativos, xogos ou calquera outra actividade de natureza análoga.

Tamén descubrirán lugares da súa contorna xeográfica, achegaranse a realidade das actividades agrícolas e gandeiras, e adquirirán coñecementos prácticos sobre a produción local, as características dos cultivos presentes na contorna, a vida dos animais que nela habitan, o coidado do medio natural e a valorización do sector primario, poñendo sempre en valor o mantemento da biodiversidade do territorio e da paisaxe e da tradición agraria como elemento de identidade da cultura da provincia.

Esta actividade está impulsada polo servizo de Xuventude e contará cun orzamento de 30.000 euros. As axudas poderán destinarse a financiar o custo da entrada ás granxas escola, así como aos gastos de desprazamento de ida e volta entre o centro educativo e o espazo escollido.