Este venres comeza en Marín a Festiña Corsaria

Marín
13 de agosto 2020

A edición deste ano esta marcada pola crise sanitaria, polo que será unha festividade de pequeno formato con redución de aforos e actividades. Comezará este venres día 14 e rematará o domingo

O Concello de Marín ambientado pola Festa Corsaria
O Concello de Marín ambientado pola Festa Corsaria / Concello de Marín

Esta fin de semana celebrase en Marín a novena edición da Festa Corsaria que conmemora os fitos históricos do corsario marinense, Juan Gago de Mendoza. Comezará este venres 14 de agosto, sendo o día máis importante o próximo sábado 15 realizándose baixo as medidas de control de aforo, seguridade e hixiene necesarias debido á crise sanitaria na que nos atopamos.

Esta edición caracterízase pola redución de aforos e número eventos, para unha celebración segura, tentando evitar grandes aglomeracións de persoas. Debido á aposta polo pequeno formato do evento, este ano denominouse como Festiña Corsaria.

A Festiña Corsaria comezará coa apertura do tradicional Mercado Corsario, situado na Alameda Rosalía de Castro, a partir das 18:00 do venres e ata o domingo ás 20:00. Este mercado contará cos habituais postos de artesáns aínda que reducindo case nun 50% os habilitados o ano pasado para cumprir coas medidas de aforo.

A Vila Mariñeira, situada no Parque Eguren, tamén verá reducidos os seus postos, contando con 8 nesta edición, a diferenza dos 17 que había o ano pasado. Este acto cambia a súa localización habitual, pasando da praza do Parque, na que se realizarán os espectáculos programados coma por exemplo o espectáculo de voo de aves ou o espectáculo de lume, pasando aos corredores centrais do Parque Eguren. Estes espectáculos e actuacións realizáranse o próximo sábado.

Ademais, o sábado haberá pasarrúas e batucadas para amenizar a vila pola mañá e cun modelo de concertos simultáneos e de pequeno formato, como os realizados para as Festas da Virxe do Carme, pola noite.

Estes concertos realizáranse por diferentes puntos de Marín como a Alameda, onde estarán Demasiadas Sombras y Pocas Luces, a partir das 23:30, Robert Carcos na Rúa Méndez Núñez e a partir das 00:00 Gran Garaje na rúa Augusto Miranda, Trincho Café na praza 8 de Marzo e Well Kings en Ezequiel Massoni. 

Pola súa parte, os tradicionais desembarcos faranse de maneira individual o sábado, un pola maña e outro á noite, para evitar así as posibles aglomeracións de xente. 

Para que se cumpran todas as medidas de seguridade e hixiene é obrigatorio o uso de máscara, ademais, habilitaranse postos de hixiene nos escenarios principais, contarase con persoal de limpeza e guías para o fluxo de persoas.