Este verán, animan a doar sangue desde Sanxenxo, vila que supera a media galega de doantes

Sanxenxo
08 de xullo 2025

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue promove en Portonovo a campaña 'Non esquezas doar antes de veranear', que busca alcanzar as 27.000 doazóns que precisan os hospitais galegos

Presentación da campaña 'Non esquezas doar antes de veranear' en Portonovo

'Non esquezas doar antes de veranear'. É a campaña especial que a Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) puxo en marcha este verán.

A campaa, que se presentou este luns en Portonovo, márcase o obxectivo de alcanzar as 27.000 doazóns que precisan os hospitais galegos para axudar a milleiros de enfermos durante este período.

A directora de ADOS, Marisa López García; a alcaldesa en funcións de Sanxenxo, Paula Martínez Santos, e a concelleira de Servizos Sociais e Maiores, Paz Lago, presentaron a campaña este luns.

ADOS visitará 220 concellos galegos nos meses de verán, a época de maior dificultade para alcanzar as máis de 400 doazóns de sangue diarias que precisan os hospitais galegos, polo que é necesario desenvolver iniciativas para sensibilizar e impulsar á participación da veciñanza.

En Sanxenxo estarán en agosto os días 13 e 14 onde cunha unidade móbil atenderá aos doantes na Praza do Mar de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 21:00 horas.

Todos os doantes recibirán un detalle especial para este verán.

A presentación serviu para dar datos locais de doazón. Segundo informou o Concelo, durante o pasado ano 2024, Portonovo obtivo un total de 343 doazóns de sangue. Esta cifra supera amplamente ás doazóns de 2023 que alcanzaron as 262.

Pola súa banda, o concello de Sanxenxo alcanzou as 852 doazóns e a súa taxa de doazón situouse en 47 por cada 1.000 habitantes, por encima da taxa de alcanzada en Galicia, situada en 39/1000 habitantes.

A directora de ADOS trasladou ao seu agradecemento polos anos de intensa colaboración do Concello de Sanxenxo, e especialmente pola axuda neste verán co envío de información sobre este xesto solidario ao tecido asociativo do municipio.

A alcaldesa en funcións animou aos veciños e veciñas do concello a participar na campaña.