Estrea do remodelado Pazo de Besada coa homenaxe ás parellas unidas durante medio século

Poio
28 de novembro 2022

 A concelleira da área, Rosa Fernández sinala que neste 2022 foron agasallados 14 matrimonios, nun acto que puido recuperarse logo da súa suspensión en 2020 e 2021 por mor da pandemia. Asistiron integrantes de todos os grupos da corporación co alcalde Luciano Sobral á fronte

Acto de homenaxe en Poio ás parellas que levan unidas 50 anos
Acto de homenaxe en Poio ás parellas que levan unidas 50 anos / Concello de Poio

Despois de dous anos sen acto de celebración, neste 2022 recuperouse a homenaxe ás persoas que celebran as súas vodas de ouro no Concello de Poio, unha iniciativa da concellería de Benestar Social e Mocidade, que dirixe Rosa Fernández.

A actividade desenvolveuse no Pazo de Besada converténdose no primeiro acto oficial que se celebra neste remodelado espazo situado na parroquia de San Salvador. Ao longo dos próximos meses, o inmoble converterase en sede da concellería de Benestar Social e tamén do Centro de Información á Muller. 

Os catorce matrimonios que recibiron a homenaxe estiveron acompañados tamén por representantes políticos da corporación municipal liderados polo alcalde Luciano Sobral. Destes matrimonios, nove residen na parroquia de San Xoán, tres en Salvador e dous en Combarro. 

Cada unha das parellas recibiu unha ofrenda floral, un diploma e un agasallo do Concello como exemplo de vida e de amor, segundo manifestaba a concelleira Rosa Fernández, durante o encontro que permitiu compartir anécdotas e experiencias de vida acumuladas durante este medio século de convivencia.