Estudan a construción de 64 vivendas unifamiliares en Mollavao

Pontevedra
04 de xaneiro 2021

O proxecto centraríase nun espazo de máis de 28.600 metros cadrados, na contorna do espazo que ocupaba o antigo depósito de vehículos do guindastre, situado entre a rúa Rosalía de Castro e Campolongo. O plan contempla a presenza de 2.873 metros cadrados de espazos verdes e 102 prazas de estacionamento libre

Antigo depósito do guindastre en Mollavao
Antigo depósito do guindastre en Mollavao

A última comisión de Urbanismo recibía a notificación para o estudo da reforma dun dos polígonos situados nos terreos de Mollavao, segundo informaba este luns a portavoz municipal Anabel Gulías.

Trátase dun proxecto que se contemplaría no espazo situado nos terreos que ocupaba o antigo depósito do guindastre municipal, entre a avenida de Rosalía de Castro e Campolongo, á altura de Fonte Santa.

O proxecto previsto crearíase no polígono denominado B3-2 e está promovido pola nova xunta de compensación integrada polos propietarios destes terreos encabezada pola entidade inmobiliaria  Aliseda  SAU, que se encargou de retomar a tramitación da xestión urbanística coa intención de crear 64 vivendas unifamiliares nesa zona.

O plan parcial xa contemplaba anteriormente en todo o polígono a creación de 125 vivendas unifamiliares adosadas, unha opción que se paralizou coa disolución da anterior xunta de compensación ao crebarse a promotora.

O polígono no que agora se estuda a creación destas vivendas conta con 28.600 metros cadrados (o 53% do total da parcela). Destínanse máis de 13.000 metros cadrados a solo residencial con 11.470 metros de edificabilidade. 

A promotora deberá contar coa creación de 102 prazas de estacionamento libre, deixar 2.873 metros cadrados para espazos libres e verdes; 11.516 serán de carácter viario e 1.149 para equipamentos. 

Anabel Gulías considera que se trata dunha boa noticia esta reactivación por esta zona por parte de promotores privados dentro do barrio de  Mollavao, no que a portavoz municipal afirmou que está posto o foco de atención neste mandato.

"Foi tradicionalmente unha zona moi degradada con decisións medio ambientais discutibles", asegurou Gulías para explicar que co convenio asinado entre o Concello e a Deputación para a zona e o proxecto, que en breve presentará o concelleiro de Urbanismo, de reforma e mellora integral de Rosalía de Castro para conectar o barrio de Mollavao con Campolongo vai mellorarse a calidade de vida da poboación desta zona, apuntaba a concelleira.

A representante municipal confirmaba que, a raíz da pandemia, detectouse polos servizos técnicos do Concello un incremento de preguntas nas oficinas municipais sobre a creación de vivendas unifamiliares.