A ponte da AP-9 sobre Mollavao cae a cachos

Pontevedra
26 de xaneiro 2021

A veciñanza afirma que os laterais da ponte están moi deteriorados debido á falta de mantemento. A vexetación está medrar no beiril e os residentes detectan desprendementos con frecuencia. Audasa, empresa concesionaria da AP-9, comunicoulles que se están a realizar traballos de conservación pero os afectados temen que se poida producir un fatal accidente pola caída dun cascote

Denuncian o desprendemento de cascotes da ponte da AP-9 sobre Mollavao
Denuncian o desprendemento de cascotes da ponte da AP-9 sobre Mollavao / PontevedraViva

O estado da ponte da autoestrada AP-9 que sobrevoa a ría de Pontevedra e o barrio de Mollavao espertou a alarma porque mostra unha clara imaxe de deterioración. Os residentes da zona denuncian que se produciron desprendementos de cascotes sobre as beirarrúas e a calzada da rúa Rosalía de Castro.

Sinalan que nos laterais da ponte crece a vexetación que, acompañada das inclemencias metereolóxicas, afectan o formigón que termina por fracturarse e desprenderse co perigo que conleva para vehículos e peóns que circulen nunha zona moi transitada por pacientes que se achegan ata o Centro de Saúde da Casa do Mar.

Un dos residentes na zona móstrase indignado coa resposta que recibiu de Audasa a unha reclamación presentada a principios deste 2021 por esta situación. A empresa concesionaria indícalle que "se estiveron realizando reparacións para a conservación e mantemento na pente ao longo do ano 2020 e continuará ao longo de 2021". 

Ante este problema de seguridade, a veciñanza está a se mobilizar a través das redes sociais e máis dun centenar de persoas reclaman xa algunha solución inmediata que impida que un cascote cause unha traxedia. Os afectados recoñecen que ata o momento ningún vehículo, peón ou ciclista viuse afectado  por estes desprendementos.

Reclaman a Audasa e ao Concello de Pontevedra que se adopten medidas de inmediato para evitar que continúen estes desprendementos. Lembran que a ponte da AP-9 cumprirá 30 anos de existencia o próximo 2022. Cada día 47.000 vehículos circulan por esta vía, segundo os datos publicados polo Ministerio de Fomento en 2018.

Os veciños lembran que se utiliza como circunvalación de Pontevedra e debería contar con todas as garantías para evitar que se poidan producir danos a terceiros.