Pontevedra abre expediente a Audasa polo estado da ponte da AP-9 en Mollavao

Pontevedra
27 de xaneiro 2021

Desde o goberno municipal reitera a responsabilidade que ten a concesionaria da AP-9 para realizar un óptimo mantemento da súa infraestrutura e, no caso de Mollavao, garantir a seguridade das persoas e os bens afectados

Denuncian o desprendemento de cascotes da ponte da AP-9 sobre Mollavao
Denuncian o desprendemento de cascotes da ponte da AP-9 sobre Mollavao / PontevedraViva

Os servizos técnicos do Concello de Pontevedra abriron un expediente a Audasa, concesionaria da autoestrada AP-9, ante as deficiencias detectadas na ponte de Mollavao.

"Hai que ser áxiles e actuar de inmediato para resolvelas", sinalou a concelleira Carme da Silva, que explicou que os técnicos municipais xa se puxeron en contacto co persoal de mantemento da autoestrada.

Da Silva sinalou que "non é a primeira vez" que se detectan problemas neste viaduto e o pasado mes de agosto xa se realizaron diferentes reparacións, a pedimento dos inspectores do Concello.

Por mor deste novo incidente e das denuncias veciñais, estes volveron revisar a ponte e aínda que non acharon cascallos si advertiron de novas deficiencias que debe resolver Audasa.

Desde o goberno municipal reitera a responsabilidade que ten a concesionaria da AP-9 para realizar un óptimo mantemento da súa infraestrutura e, no caso de Mollavao, garantir a seguridade das persoas e os bens afectados.