Estudan empregar o nome dunha muller para o desdobramento da Avenida de Vigo

Pontevedra
25 de marzo 2015

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, visitou acompañado polos concelleiros Carmen Fouces e Luis Bará as obras deste vial que se agardan poidan estar listas este verán

Obras de desdobramento da avenida de Vigo
Obras de desdobramento da avenida de Vigo / Mónica Patxot
O alcalde explica a evolución das obras de desdobramento da avenida de Vigo /

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, visitou as obras do vial de desdobramento da Avenida de Vigo e a senda peonil que se está a acometer no ámbito do río dos Gafos ata o Nó do Pino.

Fernández Lores sinalou que as obras se encontran moi avanzadas e apuntou que supoñerán un cambio substancial da zona sur da cidade coa mellora ambiental no ámbito do Gafos: "parece unha autoestrada máis que un paseo arredor do río", indicou o alcalde tras observar as melloras acompañado polos responsables das obras e polos concelleiros de Benestar Social e de Patrimonio, Carmen Fouces e Luis Bará que deixaron no aire a posibilidade de que este novo vial leve o nome dunha muller, pero segundo indicou o alcalde a denominación aínda terá que decidirse polo grupo de goberno.

O Partido Popular propuxera que esta nova avenida levase o nome do falecido ex presidente do Goberno, Adolfo Suárez. Unha proposta que fora cualificada de "oportunista" por parte do goberno local.

O alcalde de Pontevedra destacou que se mellorará a conexión da zona sur da cidade a través das melloras da Avenida de Vigo e que reordenará a circulación nesta contorna cunha "mellora substancial de tráfico de autobuses" sen necesidade de que os autocares teñan que saír cara a Otero Pedrayo e permitirá desconxestionar a Avenida da Estación.

Nas obras obsérvase xa o espazo que ocuparán as beirarrúas. Fernández Lores indicou que ata o mes de setembro continuarán as obras aínda que as previsións dende a concellaría de Patrimonio espera que poidan estar finalizadas a principios do verán.

Entre a avenida de Vigo e o novo vial quedan un par de terreos urbanizables que "cando mellore a situación económica, esta será unha zona moi apetecible para vivir", indicou o alcalde. Os espazos encóntrase no ámbito do camiño que se utilizaba para conectar a avenida da Estación coa avenida de Vigo e o supermercado Mercadona se mostrou interesado en crear un aparcadoiro nun dos terreos. Segundo indicou o concelleiro Luis Bará, ese camiño será mellorado á espera de que se abra unha nova rúa que prolongue Fariña Cobián para conectarse co novo vial.