Estudantes de Belas Artes denuncian acoso sexual nas aulas e convocan unha xornada de folga

Pontevedra
11 de maio 2026
Actualizado: 14:55

O colectivo alerta de abusos de poder e critica a xestión da Universidade de Vigo ante estas situacións nas aulas

Facultade de Belas Artes de Pontevedra

Estudantes da Facultade de Belas Artes de Pontevedra inician un calendario de mobilizacións para denunciar a existencia de situacións de acoso sexual.

Tras unha asemblea celebrada o martes 5 de maio, as estudantes acordaron a convocatoria dun parón académico oficial para o xoves 28 de maio, unha xornada na que reclaman a interrupción da actividade lectiva como sinal de protesta.

Como paso previo a esta folga, o estudantado organiza para este xoves, 14 de maio, unha sentada na entrada do centro ás 15:15 horas.

Esta acción busca involucrar a todo o alumnado, ao que animan a participar. Ambas as dúas iniciativas xorden, segundo as persoas organizadoras, ante a necesidade de actuar fronte a episodios de abuso que se están a producir nas aulas e perante os que, sosteñen, "non podemos permanecer caladas".

As demandas das estudantes céntranse na protección das vítimas e na revisión dos protocolos de actuación da Universidade de Vigo.

No escrito emitido, o colectivo denuncia a política de privacidade que rodea estes casos, ao considerar que "a confidencialidade é un arma de dobre fío, as agresións non son illadas, as voces das vítimas teñen que ser escoitadas".

A principal crítica diríxese á permanencia de docentes acusados de agresións no exercicio das súas funcións lectivas.

As estudantes sinalan que a posición de autoridade do profesorado agrava as consecuencias dos abusos, afectando tanto ao rendemento académico como á estabilidade emocional das afectadas.

A este respecto, o manifesto sinala: "Quen cometera unha agresión non está en posición para poder ser docente, é unha situación de poder que afecta dende o expediente académico das vítimas ata á saúde mental".

O movemento estudantil reclama unha política de "tolerancia cero" e cuestiona que se manteñan certas prerrogativas para as persoas sinaladas por estas condutas.

Para as organizadoras, resulta inaceptable que se lles permita manter "titorías a porta pechada, acceso á información persoal ou sequera que se manteñan as súas figuras como representación algunha da Universidade de Vigo".

A organización destas protestas pretende tamén fomentar a creación dunha rede de apoio interna que sexa capaz de "escoitar, protexer e loitar" polas alumnas que non teñan a capacidade de facelo por si mesmas.

O colectivo define esta iniciativa como un proxecto en desenvolvemento que busca promover cambios sociais dentro do eido universitario, onde denuncian a existencia de figuras que utilizan os seus privilexios de xeito indebido.

Para a xornada de parón do día 28 de maio, o estudantado iniciou unha recollida de sinaturas que avalen a convocatoria.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora