Primeiros pasos para o redeseño da antiga N-550, entre a rotonda de Pasarón e o cruzamento de San Caetano, en Alba. O goberno municipal encargou un estudo que analice esta zona "en profundidade" e propoña solucións para a súa humanización.
"Imos replantexalo todo", sostivo o edil responsable da área de infraestruturas e mobilidade, César Mosquera, que indicou que as únicas directrices que se deron ao equipo redactor son que esta actuación debe ir acorde co modelo urbano pontevedrés.
O obxectivo é converter unha das principais entradas e saídas á cidade, actualmente cunha configuración de vía interurbana, nunha avenida que estea "plenamente integrada" na cidade e que contribúa a mellorar a conexión co campus universitario.
Mosquera recoñeceu que este será un "desafío complexo", xa que o actual viario é un "impedimento" para a accesibilidade de peóns e ciclistas. A solución que se adopte debe ser "non só un tratamento superficial" senón deseñar unha integración global en todo este ámbito.
Entre outras cuestións, o estudo deberá definir a sección que terán a calzada, as beirarrúas ou os sobreanchos, identificar os puntos onde situar pasos de peóns e 'lombos' ou crear un itinerario a nivel para poder retirar a actual pasarela elevada.
As peticións do Concello inclúe a posible apertura de novas rúas en todo este ámbito, mellorar a conexión coa Rúa da Torre ou crear novos itinerarios peonís.
Ademais, abordarase un redeseño da glorieta de Médico Ballina, modificarase toda a iluminación pública, completaranse todos os servizos soterrados e deberase completar toda esta actuación con árbores, zonas verdes e mobiliario urbano.
Un dos puntos "esenciais" deste proxecto, segundo o goberno municipal, será o de resolver a conexión co campus, ante o cada vez máis elevado número de estudantes que acceden á zona da Xunqueira a pé ou en bicicleta.
O paso actual pola travesía Francisco Asorey é un "tugurio", recoñeceu César Mosquera, ao ser un túnel duns 30 metros de lonxitude e 2,5 metros de ancho, sen beirarrúas nin iluminación, o que ofrece unhas condicións "pésimas" para as persoas que o cruzan.
O edil suxeriu que algunha das posibles solucións podería ser baixar a cota de toda a avenida para que o desnivel sexa menor ou, mesmo, suprimir ese paso e habilitar "dous ou tres" accesos noutros puntos do seu trazado.
O equipo que redacte este estudo terá un prazo de seis meses para entregar as súas conclusións para abordar unha actuación que, para Mosquera, permitirá aproveitar o "gran potencial" que ten toda esa zona e abrir "moitas posibilidades".
Todo este tramo, que ten unha lonxitude de 3.220 metros e unha superficie de case 11,5 hectáreas, foi cedido polo Ministerio de Transportes ao Concello de Pontevedra, que traballará para liberar edificabilidade e avanzar no seu desenvolvemento urbano.
Na marxe esquerda da avenida, estímase que se poderán construír unhas 1.000 vivendas.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.