A pontevedresa Alicia Arruti denunciou este luns a campaña de ameazas de morte e odio que está a recibir, desde ámbitos da ultradereita.
Todo comezou tras participar este sábado 25 de xullo na manifestación polo Día da Patria Galega celebrada en Santiago coincidindo co Día Nacional de Galicia.
Tras publicar nas súas redes sociais un vídeo no que preguntaba a diversas persoas o motivo polo que asistían a esta mobilización, a onda de insultos foi imparable.
En poucas horas, o vídeo xa recollía comentarios como "etarras", "asesinos", "retrasados", "morolandia" ou "tr4velos indepes gallegos guarros", entre outros.
A propia Arruti asegura que esta campaña se intensificou despois de que varios panfletos dixitais de extrema dereita e contas vinculadas con ambientes fascistas compartisen o seu vídeo sen o seu consentimento.
"Non quero adicarlle o meu tempo a esta xente, pero si que vou precisar axuda legal para tomar medidas contra os medios que están promovendo todo este odio", explicou a vítima desta campaña de ciberacoso.
Asegura que, neste caso, a afectada é ela pero lembra que moitas outras persoas sufriron este tipo de acoso "por motivos parecidos".
Alicia Arruti censura que estas condutas estean deseñadas "para que deixemos de denunciar as inxustizas a través do derribo".
A pesar de todo iso, avanza que "non penso deixar de facer vídeos, militancia ou reivindicación" e adianta que "seguiremos véndonos nas rúas".
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.