Ethel Vázquez admite que se estudan fórmulas para reutilizar augas da depuradora de Praceres en ENCE

Pontevedra
04 de outubro 2022

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade sinala que as augas da vertedura efluente da depuradora de Praceres cumpre cos parámetros pero para a súa reutilización industrial é necesario eliminar a salinidade. Sinala que actualmente a empresa, que se mantén parada desde xullo, debe estimar o consumo que precisa para retomar a actividade pero sempre cumprindo co caudal ecolóxico

Ethel Vázquez, conselleira de Infraestruturas e Mobilidade Xunta de Galicia - Arquivo

A Xunta de Galicia e Ence traballan conxuntamente para buscar alternativas que permitan que a fábrica pasteira reutilice a auga da depuradora de Praceres para incorporala á súa produción. Así o explicaba este martes a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, ao indicar que a vertedura efluente da depuradora "cumpre cos parámetros de vertedura con creces" e o problema para a súa utilización xérase ao tratarse de auga con alta condutividade e salinidade. 

Para a súa reutilización, explicou a conselleira na delegación da Xunta en Pontevedra, hai que estudar a eliminación da salinidade, que tería que efectuarse a través dun proceso industrial que debe ultimar Ence. 

Ethel Vázquez lembrou que a empresa pasteira deberá garantir o caudal ecolóxico do río Lérez para retomar a actividade produtiva da fábrica en Lourizán, que leva parada desde mediados de xullo deste 2022 cando se adoptaron medidas ante o baixo caudal da conca que abastece aos municipios de Pontevedra, Marín, Bueu, Poio e Sanxenxo. A representante da Xunta indicou que a decisión de reactivarse depende da empresa en relación ao consumo que queira efectuar.

Sinalou que a pasteira pode comezar de maneira progresiva e non iniciar a produción ao 100%. "O que impoñemos é igual a calquera actividade sexa industrial ou forestal, que é o cumprimento do caudal ecolóxico". En todo caso, lembrou, que calquera industria ten que realizar a súa programación de reinicio de actividade, de maneira programada, faseada ou esperando a obter as garantías para a reutilización da auga, pero desde o organismo da conca manterán o control para evitar que o ríos poida secarse.

A conselleira insistiu en que as alternativas pasan por estar enfocadas á reutilización das augas residuais, aspecto no que garantiu a plena colaboración por parte da Xunta. "Hai que compatibilizar o recurso hidráulico coa reutilización das augas residuais", afirmou.

SENSIBILIZACIÓN DO CONSUMO DE AUGA

Desde a administración autonómica lembran que o 1 de outubro finalizou o ano hidrolóxico 2021-22 e trátase dun dos máis secos da serie histórica desde que hai rexistros. Os datos mostran, segundo Vázquez, que a seca presenta episodios cíclicos recorrentes e o nivel tanto dos ríos como dos encoros foi dos máis baixos na época de verán. 

Ethel Vázquez: "Temos que continuar con medidas de contención, de aforro e de sensibilización de consumo responsable da auga"

Por este motivo advertiu aos concellos, administracións e cidadanía en xeral que é necesario afacerse a este tipo de episodios e prepararse con "medidas de contención e aforro, a nova cultura da auga". Sinalou que a conca do Lérez se atopa en seca prolongada desde febreiro e mantén o estado de prealerta por seca prolongada e escaseza da auga ao estar comprometido o abastecemento. 

Adiantou que esta semana na nova reunión da Oficina da seca, todo apunta a que se manterá a situación de prealerta pero non se agravará grazas as chuvias de setembro, circunstancia que "non significa que podamos baixar a garda. Temos que continuar con medidas de contención, de aforro e de sensibilización de consumo responsable da auga. Non imos empeorar pero tampouco imos mellorar"

En canto á posibilidade de aumentar as presas no Lérez, como apuntaban desde o goberno local de Pontevedra, a conselleira insistiu en que a creación de encoros augas arriba "só dá para cinco días" e, por tanto, é unha "alternativa inviable". Convidou a que os concellos que se abastecen do Lérez cheguen a un acordo e establezan un interlocutor para estudar as infraestruturas que consideren necesarias. "Nós estaremos aí para axudar e colaborar nese sentido", avanzou explicando que "hai que prepararse para as situacións recorrrentes e cíclicas" provocadas pola seca.

ENCE, Á ESPERA

O persoal de Ence aínda se mantén en ERTE á espera de que se poida retomar a produción. Manuel Rivas, presidente do comité de fábrica da factoría, afirmaba durante a manifestación do venres 30 a PontevedraViva que os traballadores agardan incorporarse en quince ou vinte días para recuperar a actividade e poñer en marcha toda a maquinaria.

Con todo, mostraba a súa preocupación porque "dependemos do tempo" e da auga do río. "Estamos en outubro e ten que chover pero non ten moita pinta. Esperemos que chova", explicaba Rivas co obxectivo posto en que todo o persoal da empresa pasteira abandone a situación actual derivada do expediente temporal de regulación de emprego

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora
Arquivado en