A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, participou este luns en Pontevedra nunha xornada de traballo con técnicos dos servizos sociais e representantes das distintas administracións da comarca, na que reiterou o seu chamamento aos concellos a sumarse ao Programa de Vivendas Baleiras para "loitar de forma real e efectiva" contra os desafiuzamentos.
Ethel Vázquez destacou que os concellos poderanse incorporar voluntariamente a esta iniciativa coa fin de mobilizar as vivendas de particulares, empresas e organismos que se atopan desocupadas para ser destinadas a alugueiro social, contando para isto coa participación das administracións locais.
Precisou que para favorecer esta medida, desde a Xunta financiaranse unha serie de garantías: un seguro multirrisco do fogar; e de garantía do cobro da renda nas mensualidades impagadas, que inclúe asistencia e defensa xurídica.
A xuntanza de hoxe é o cuarto encontro deste tipo, logo dos celebrados na Coruña, en Vigo e en Ferrol, precisamente nas áreas das grandes cidades onde se detectaron máis casos de familias que están en risco de perder a súa vivenda habitual.
Vázquez salientou que o obxectivo desta xornada é "unir esforzos, traballar da man", en referencia ás administracións, poderes públicos, técnicos dos servizos sociais, para "ofrecer unha resposta áxil ás persoas que teñen dificultades, e que as medidas cheguen a quen máis o precisa".
O goberno galego está a facer este tipo de reunións para que os técnicos dos servizos sociais poidan coñecer, con todo detalle, os programas de apoio e protección activado para dar resposta a aquelas familias que están en risco de perder o seu fogar.
A conselleira recordou que a Xunta asinou convenios con entidades financeiras, e firmouse tamén un acordo co Consello da Avogacía Galega para prestar gratuitamente servizo de asesoramento e orientación previa ao procedemento xudicial, co obxecto de evitalo, ás persoas sen recursos nos trámites administrativos que teñen que ver coa perda da vivenda habitual.