Ethel Vázquez segue sen atender a petición de entrevista de Barro

Barro
09 de febreiro 2016

O alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, remitiu unha nova misiva á conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, para insistirlle na súa petición de entrevista, que non ten máis propósito que tratar a mellora da estrada PO-531

Ethel Vázquez, conselleira de Territorio e Infraestruturas
Ethel Vázquez, conselleira de Territorio e Infraestruturas /

O alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, remitiu unha nova misiva á conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, para insistirlle na súa petición de entrevista, que non ten máis propósito que tratar a mellora da estrada PO-531.

"A seguridade viaria en todo o noso concello, e en concreto o que ten que ver coa PO-531 é para min unha das maiores preocupacións na acción de goberno, preocupación compartida por toda a corporación e os veciños e veciñas do municipio", di Abraldes no seu escrito.

O rexedor nacionalista solicitou unha entrevista con Vázquez o pasado 30 de setembro, tras a reunión cos veciños de Curro que participan na plataforma que demanda a mellora do viario desde Pontevedra.

"A boa relación entre administracións debe levar implícito o respeto institucional", lembra o alcalde de Barro

Ante a falta de resposta reiterou a súa petición en varias ocasións máis, con idéntico resultado: a falta de resposta da responsable de Infraestruturas.

"A boa relación entre administracións debe levar implícito o respeto institucional", lembra o alcalde de Barro.

"Eme igual que a cita sexa na Consellería ou nunha visita súa ó noso municipio, pero agardo que esta sexa a maior brevidade posible", conclúe a carta.