Etiqueta Negra non defrauda cunha alta asistencia de público ao Recinto Feiral

Pontevedra
13 de novembro 2022

Segunda xornada da feira de produtos gourmet Etiqueta Negra no Recinto Feiral de Pontevedra, cun interesante programa de actividades en horario ininterrompido de 11.00 a 21.00 horas

Segunda xornada de Etiqueta Negra 2022
Segunda xornada de Etiqueta Negra 2022 / Cristina Saiz

É só a súa sexta edición, pero parecen moitas máis. A feira de produtos gourmet Etiqueta Negra demostra a súa boa saúde cunha alta asistencia de visitantes ao Recinto Feiral de Pontevedra.

Este domingo 13 de novembro era quenda para a segunda xornada do evento, cunha interesante programación de actividades en horario continuo de 11.00 a 21.00 horas.

Ademais de coñecer os produtos gourmet e novidades presentes nas diferentes casetas, os pontevedreses que se achegaban ao Recinto Feiral puideron seguir á primeira hora un showcooking con desgustación de Beatriz Sotelo, unha das poucas mulleres de España cunha Estrela Michelín.

Pola súa banda, tamén de mañá, o Espazo Gastro acolleu unha animada sesión vermú amenizada por Señora DJ.

Xa pola tarde estaba previsto que Miguel Mosteiro, chef e propietario de Gastrolab Arousa, tomase a remuda nos fogóns para falar do berberecho de Noia, e o Espazo Etiqueta acollía un taller de cociña con conservas e outro de cociña de aproveitamento impartidos polos responsables do espazo gastronómico Indo e Vindo.

Todo eles sen esquecer as degustacións e catas, e tamén a sesión de té galego feito con camelias da Estación Fotopatolóxica do Areeiro na Tetería da Deputación.

A feira Etiqueta Negra concluirá este luns 15 de novembro cunha última xornada en horario de 11.00 a 20.00 horas.