Etiqueta Negra pon o broche de ouro a unha 'exquisita' terceira edición

Pontevedra
12 de novembro 2018

Etiqueta Negra volveu a demostrar un ano máis que, sen dúbida, é unha das feiras de maior éxito das que se celebran en Pontevedra. Máis de 8.000 persoas pasaron durante os últimos tres días polo Recinto Feiral de Pontevedra para coñecer as últimas tendencias que presentaron os produtores gourmet galegos

Etiqueta Negra no Recinto Feiral
Etiqueta Negra no Recinto Feiral / Mónica Patxot

Etiqueta Negra volveu a demostrar un ano máis que, sen dúbida, é unha das feiras de maior éxito das que se celebran en Pontevedra. Máis de 8.000 persoas pasaron durante os últimos tres días polo Recinto Feiral de Pontevedra para coñecer as últimas tendencias que presentaron os produtores gourmet galegos.

A organización destaca o aumento tanto de público xeral e profesional como de produtores que apostaron por Etiqueta Negra como escaparate e que lograron que todos os talleres e degustacións tiveran completa a súa capacidade e o auditorio estivera sempre abarrotado.

O programa contou con 92 actividades e a participación dos chefs Pepe Solla, Lucía Freitas, Iñaki Bretal, Héctor López, Rómulo Mendoza, Diego López, Rubén González, Ketty Fresneda ou Benigno Campos, que realizaron os showcookings empregando mesmo produtos da feira.

A zona de catas, na que non cesou a actividade con sesións cada media hora, e a viñoteca funcionaron de forma simultánea. Acolleron un total de 54 degustacións que rexistraron un aforo completo.

Os talleres de formación con inscrición e pago previo tamén tiveron unha grande acollida e cinco deles, o de iniciación ao aceite de oliva, o de Enchilando a Galicia, o de tortillas e salsas mexicanas, o de iniciación a barista e o de empratado da man do CIFP Carlos Oroza, quedaron sen entradas dispoñibles.

Máis de 1.200 alumnos de centros de ensino de hostalería, restauración, dietética e nutrición ou cociña asistiron este luns á última xornada de Etiqueta Negra, procedentes, ademais da cidade de Pontevedra, de Vigo, Santiago de Compostela, Ferrol, Vilagarcía, O Grove, Pobra do Caramiñal, As Neves, Soutomaior ou mesmo da localidade portuguesa de Viana do Castelo.

Por outra banda, expositores e distribuidores mantiveron intercambios comerciais no Punto de Encontro Profesional no que se celebraron máis de 350 reunións de traballo.

A organización de Etiqueta Negra destaca o alto grao de satisfacción dos máis de 100 expositores, que deron a coñecer e venderon os seus produtos, xa que moitos deles manifestaron que o primeiro día xa cumpriran as súas expectativas de venda e tiveron que volver ás súas sedes loxísticas para repoñer mercadoría.