Os gourmets galegos xa poden inscribirse na próxima edición de Etiqueta Negra

Pontevedra
03 de maio 2019

Etiqueta Negra celebrarase os días 9, 10 e 11 de novembro no Recinto Feiral de Pontevedra. Tamén lembrou que o pasado ano déronse cita neste exitoso evento máis dun centenar de produtores e asistiron unhas 8.400 persoas como público

Presentación do patrocinio de Estrella Galicia á feira Etiqueta Negra
Presentación do patrocinio de Estrella Galicia á feira Etiqueta Negra

A celebración da cuarta edición da feira profesional Etiqueta Negra abre o prazo de inscrición para todas aquelas persoas interesadas en participar cunha caseta neste salón gourmet.

Segundo informou a concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, Etiqueta Negra celebrarase os días 9, 10 e 11 de novembro no Recinto Feiral de Pontevedra. Tamén lembrou que o pasado ano déronse cita neste exitoso evento máis dun centenar de produtores e asistiron unhas 8.400 persoas como público.

Como novidade, nesta ocasión, Estrella Galicia será o patrocinador principal de Etiqueta Negra.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, quixo dar a benvida e agradecer a aposta da cervexeira galega en cuxa representación acudiu este venres ao concello o responsable de mercadotecnia, Pedro Pastur.

Pastur explicou que en Estrella Galicia están "moi satisfeitos" apoiando un "evento imprescindible" coa "traxectoria e importancia" que ten Etiqueta Negra e que encaixa coa súa filosofía de "estar ao carón dos profesionais da gastronomía". Así buscarán a "maridaxe" da cervexa galega "por excelencia" cos produtos e elaboracións da nosa terra.

Lores dixo estar contento "como unas castañuelas" porque "estamos a conseguir" consolidar unha feira "punteira" como Etiqueta Negra "para ser un referente" na restauración e o emprendemento, á vez que é unha plataforma de negocio para as empresas o que "favorece a actividade económica e o emprego".

Finalmente Pedro Pastur sinalou que Estrella Galicia estudará encaixar un "lanzamento puntual" dalgunha elaboración de cervexa con motivo da feira de Pontevedra.

A concelleira informou que o orzamento que se manexa para esta edición rolda os 50.000 euros pero non quixo desvelar aínda o programa de actividades no que habitualmente se inclúen showcookings, presentacións de produtos, catas, degustacións, maridaxes, talleres, exposicións ou cursos.